O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, alertou hoxe de que o goberno galego mantén almacenadas 100.000 vacinas contra o coronavirus. No debate dunha pregunta oral en Comisión, censurou que “mentres Feijóo quere forzar os dereitos e liberdades para obrigar á xente a vacinarse, non considera que sexa unha obriga moral da Xunta poñer tódalas doses dispoñibles”.
O responsable socialista alertou da “discrepancia” entre a almacenaxe de vacinas nas neveiras do Sergas mentres o goberno galego mantén á “xente forzada e obrigada a romper os seus dereitos” ao aprobar unha modificación da Lei de Saúde que está parcialmente suspendida polo Tribunal Constitucional precisamente por obrigar a vacinar. Sinala que “o máis lóxico sería que fora a Xunta quen se sentira obrigada a poñelas”.
Torrado reclamoulle á Xunta que reforce o persoal dispoñible para Atención Primaria para axilizar o proceso de vacinación coas garantías necesarias para superar a “ineficiencia na xestión dos datos” demostrada polo goberno galego. Malia que o proceso de vacinación “vai razoablemente ben”, dixo, sinalou problemas para vacinar aos profesionais asegurados polas mutuas, ou os profesionais sanitarios das penitenciarías ou das unidades de axuda a drogodependencia.
Dixo que a Administración “debe protexerse fronte ás virtuales ineficiencias”, un risco que “se solventa con máis persoal” e cruzando os datos para prever casos que “poden ser poucos pero que rompan un sistema sen capacidade de controlalos”. Preguntoulle ao goberno galego se as vacinas están “nominalizadas” para prever calquera tipo de eventualidade.