O Grupo Socialista reclamará no próximo Pleno do Parlamento a transferencia de 30 competencias apostando polo “avance fronte ao delirio separatista e o inmobilismo do PP”
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, centrará a sesión de control ao presidente da Xunta do próximo Pleno do Parlamento nas medidas para a desescalada previstas polo goberno galego. Así o explicou o viceportavoz do Grupo, Pablo Arangüena, logo da reunión da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día da sesión plenaria da próxima semana.
Arangüena contrastou a posición dos socialistas galegos, que “apartamos a crise sanitaria e a pandemia da confrontación política”, aceptando as restricións decididas polo goberno galego cando estiveron “avaladas por criterios técnicos”. Esta posición debulla, dixo, unha comparación clara coa estratexia do PP, que empregou a pandemia para enfrontarse co goberno central tirando de “demagoxia”.
O Grupo Socialista presentará ademais unha moción diante da reforma da Lei de Saúde que o presidente da Xunta “sacou da chisteira” para impoñer unha norma “máis autoritaria e menos garantista que o propio Estado de Alarma” logo de tildar de “demoledor” o Estado de Alarma que agora quere prorrogar. Lembrou que esta norma, que abre a porta a limitar dereitos e garantías fundamentais, é a única do Estado recorrida por problemas coa súa constitucionalidade.
Transferencia
Pablo Arangüena anunciou que o Grupo Socialista levará ao próximo Pleno do Parlamento unha proposición non de Lei para reclamar a transferencia de ata 30 competencias viables no actual marco constitucional e estatutario e das que ademais xa dispoñen outras comunidades autónomas. O PSdeG fai esta proposta “fronte ao delirio separatista e ao inmobilismo do PP, que en 12 anos non pediu unha soa transferencia”.
Sinalou a posición dos socialistas galegos, a favor de “avanzar no autogoberno pensando en clave federal” para que Galicia non quede “rezagada” co seu “Estatuto do século XX nun século XXI que se move aceleradamente” con relación a outras comunidades autónomas que hai anos que concluíron a reforma dos seus respectivos textos.
O responsable socialista apuntou á manifestación deste pasado fin de semana a favor da “vía separatista” para situar a Galicia nunha vía semellante á da Cataluña dos últimos anos, contraria a uns “tempos que esixen o mellor de nós mesmos, e non distraernos en tolemias identitarias que só levan á frustración”.
Peaxes
Os socialistas galegos levarán ao próximo Pleno unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que rebaixe as peaxes as autoestradas autonómicas, sibnaladamente a AG-55 A Coruña – Carballo e a AG-57 Puxeiros – Val Miñor, logo da rebaixa da AP-9 polo goberno de España. Lamentou que a Xunta “só se preocupe da rebaixa das peaxes do Estado, pero faga mutis por el foro sempre que se lle reclama que rebaixe as peaxes autonómicas”.
Tamén presentarán unha interpelación sobre os protocolos da Xunta con relación ao impacto da covid – 19 nas residencias de maiores, logo de constatar que a día de hoxe aínda non hai datos sobre os falecidos por residencias. Arangüena alertou das denuncias das asociacións de familiares e dos profesionais da xeriatría alertando da manipulación e ocultación de datos sobre o que ten sucedido nestas instalacións.
Finalmente, presentarán dúas preguntas orais sobre as axudas comprometidas pola Xunta co empresariado afectado polo incendio no Polígono do Ceao, en Lugo, e para reclamarlle ao goberno galego un plan de rescate específico para os servizos das festas patronais.