Julio Torrado esíxelle ao ente que retire o canon de 50.000 euros anuais que queren impoñer como facían co anterior equipo de goberno dirixido polo PP
O parlamentario socialista Julio Torrado acusou hoxe a Portos de Galicia de actuar “coma o cobrador do frac” co Concello de Cambados co único obxectivo de “forrarse” co Salón Peña. Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento para pedirlle ao ente autonómico que suspenda o canon de 50.000 euros anuais que queren impoñer ao Concello, e do que eximían ao anterior goberno local do PP.
O responsable socialista acusou a Portos de Galicia de intentar “pasar conta o final sen facer nada”, cun canon que “non tería xustificación real ningunha”, logo de constatar que o ente autonómico tan só vai cobrar, pero é o concello quen asume tódolos gastos e xestiona os usos da nave. Resumiu que “non é como pagar polo mantemento, pola limpeza ou pola vixilancia, e que é pagarlle por nada”.
Reclamoulle a Portos que demostren “capacidade de facilitar a colaboración entre as institucións, e non poñerlle paus nas rodas” logo de 20 anos nos que o Concello foi quen recuperou o Salón Peña, habilitouno e deulle vida, e agora “aparecen para beneficiarse”. Lembra que en decembro de 2019 Portos trasladara a súa negativa a renovar a concesión, un paso no que “xa avanzaron cambiando de posición”, e pediulles que agora “renuncien a aproveitarse economicamente”.
Acordo parlamentario
Julio Torrado emprazou a Portos de Galicia a cumprir co mandato Parlamentario, logo de que o pasado 6 de abril os grupos aprobaran por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG pedíndolle á Xunta que repetira a concesión do Salón Peña de Cambados a favor do Concello “en termos equiparables á recentemente terminada e polo máximo tempo posible”.