O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, sinalou hoxe que “estamos alarmados ante o nivel de deterioro ambiental que as políticas da Xunta están causando no presente e planificando para o futuro”. Así o dixo nunha rolda de prensa xunto coa tamén viceportavoz Paloma Castro, que acusou ao goberno galego de “mirar para outro lado” fronte á contaminación por mercurio detectada en Lourizán.
Arangüena alertou de que o rexistro de entidades de colaboración ambiental previsto na Lei de Depredación, e que Feijóo anunciou onte, supón de facto “abrir a porta a que entidades privadas leven a cabo labores de control que son por definición públicas”. Resumiu que “iso é privatizar o control ambiental dos proxectos, o cal pode levar a eliminar directamente ese control cando o pacto verde e a axenda verde son prioritarios nas políticas da UE e do goberno de España”.
Lamentou que a xestión do goberno galego se limite a “ecopostureo e propaganda verde” mentres anuncian unha moratoria á plantación do eucalipto que en realidade “é un engano para encubrir a total eucaliptización de Galicia”. Sinalou que “neste momento estanse talando as últimas carballeiras e bosques autóctonos do norte de Galicia, e “non é casualidade que o ex conselleiro de Medio Ambiente Carlos del Álamo sexa hoxe un alto cargo de Ence”.
Sinalou que “o monte galego estase transformando aceleradamente nun inmenso eucaliptal, eliminando completamente o bosque autóctono e coa Xunta mirando descaradamente para outro lado mentres se plantan eucaliptos en terreos agrícolas ou en Rede Natura cando é ilegal facelo”.
Criticou que o goberno galego renuncie a aproveitar as vantaxes evidentes de Galicia para o proceso de transición ecolóxica, con boas condicións para as renovables e a maior superficie costeira de España. Isto permitiría “desenvolver aínda máis unha economía azul que xa ten unha forte base, un sector bioalimentario asociado á calidade, así como un sector forestal importante pero pouco ordenado”.
Sinalou que “o que falla é vontade política” por canto o orzamento medioambiental é para este ano de 199 millóns de euros, lonxe dos 295 millóns que orzamentou para 2009 o último ano do goberno presidido por Emilio Pérez Touriño. A Rede Natura apenas cubre en Galicia o 12 por cento do territorio, menos da metade do 27 por cento de media estatal, a expansión eólica “afecta a zonas que deberan formar parte da futura ampliación da Rede”.
Ao mesmo tempo, engadiu, estamos moi lonxe dos obxectivos europeos en reciclaxe de residuos e calidade das augas, e o noso monte estase convertendo nun monocultivo con perda de biodiversidade.
Mercurio
A tamén viceportavoz do Grupo Socialista Paloma Castro denunciou hoxe a “irresponsabilidade” amosada polo goberno galego fronte aos elevados niveis de contaminación por mercurio detectados en Lourizán aparentemente derivados do desmantelamento das antigas instalacións de Elnosa dentro do terreo de Ence. Castro acusou ao goberno galego de “mirar para outro lado” e facer caso omiso dun informe da pasteira que tiñan enriba da mesa dende hai dous meses.
Lamentou que non fora ata onte que o presidente da Xunta dera conta da situación, despois de que a grave situación “estoupara nos medios de comunicación”. A responsable socialista esixiulle ao goberno galego “que tome as medidas necesarias para evitar o incremento da toxicidade” e que garanta o plan de desmantelamento da antiga filial de Ence para evitar o risco para os traballadores, veciños e para o medio.
Castro trasladou a preocupación do Grupo Socialista logo de coñecer o informe elaborado por Ence alertando dos elevados niveis de mercurio na zona, unha substancia que figura entre as 10 máis perigosas de acordo coa OMS.
Estado de Alarma
Pablo Arangüena reclamoulle ao presidente da Xunta que “deixe de xogar a dicir o contrario do que di o goberno, que poña un paréntese na súa manipulación política mentres dure a pandemia”. Aludiu así ao novo xiro de Feijóo, que pediu esta semana a prórroga do Estado de Alarma “cando en maio pedía que se levantara, e en outubro dicía que volver a esta figura sería demoledor porque se cargaba o consumo e que o Estado de Alarma xeraba alarma”.
Sinalou que “non pode ser que a política da Xunta siga a consistir en propoñer o contrario do que diga o Goberno central, porque iso pode ser bo para os intereses políticos de Feijóo, pero é malo para os intereses dos galegos” simplemente por unha estratexia que “pasa por dicir negro cando o goberno di branco e por dicir branco cando o goberno di negro”.