O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, emprazou á Xunta a implicarse con “cantas accións sexan necesarias” para que Repsol Petróleo retire o ERTE presentado sobre 212 traballadores de A Coruña. Seco fixo estas declaracións logo dunha xuntanza co Comité de Empresa da factoría, que hoxe viaxou ata o Parlamento de Galicia para recabar o apoio dos grupos parlamentarios.
O responsable socialista presentou xa unha serie de iniciativas en apoio a estes traballadores nas que apela á responsabilidade social corporativa dunha empresa que está a “gañar moitos cartos na comarca”, e apenas un mes despois de que o seu conselleiro delegado, Josu Jon Imaz, se reunira co presidente da Xunta para analizar as posibilidades de acudir aos Fondos Next Generation.
Seco reclama a solidariedade do goberno galego cos traballadores e traballadoras, e lle reclama ao presidente da Xunta explique se coñeceu naquela reunión das intencións da empresa para coa súa plantilla. O parlamentario socialista advirte de que “as axudas públicas deberan incluír a esixencia de responsabilidade social corporativa” da empresa beneficiaria, á que reclama que “se sente cos traballadores e busque alternativas de aforro sen ter que chegar a unha solución tan dramática”.
Explica que o cadro de persoal deu un exemplo de compromiso coa empresa durante os momentos máis duros da pandemia, e apunta que este “castigo” é anunciado logo de anunciar investimentos na Coruña durante a reunión con Feijóo. Explica que o aforro que suporía o ERTE en A Coruña e Puertollano ascendería aos 4 ou 5 millóns de euros, unha contía “tetemuñal” para as contas que manexa a empresa.
O parlamentario socialista lembrou que a pesares do contexto da covid, a petroleira tivo uns beneficios netos de 600 millóns de euros en 2020, reducindo a débeda neta en 1.178 millóns de euros no exercicio pasado, e anunciou un dividendo complementario efectivo de 0,30 euros brutos por acción con cargo aos beneficios daquel exercicio.
É a mesma compañía, dixo, que ven de desembolsar case 20 millóns de euros, segundo a CNMV, para indemnizar ao ex directivo Suárez de Lezo, e que lles ingresa máis de 3 millóns de euros anuais aos seus presidentes e conselleiro delegado.