O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, lamentou hoxe a “incapacidade manifesta por parte do PP”, que hoxe impediu consensuar unha Declaración Institucional, en apoio aos traballadores da refinería de Repsol en A Coruña afectados por un ERTE anunciado pola empresa fronte a 212 traballadores, que xa contaba co visto bo de BNG e PSdeG.
Seco lamentou o “adiamento inxustificado” da proposta por parte do PP, que quere agardar como mínimo ao próximo Pleno, dentro de dúas semanas. O responsable socialista alertou de que “a situación require de axilidade ante un ERTE inmediato para os traballadores da factoría que non entende de adiamentos” dirixidos a “non comprometerse cos traballadores para evitar que paralice o ERTE e que opte por unha solución “negociada, en liña coa superación da pandemia e a reactivación económica”.
O parlamentario socialista criticou que o PP sexa “incapaz de acordar nin tan sequera un texto simple de apoio a máis de 200 familias que están a pasar un momento difícil”, como se ten demostrado “incapaz de sentarse con ninguén que non sexan eles mesmos”, en alusión á tamén negativa do PP a manter esta tarde un encontro conxunto dos tres grupos parlamentarios co Comité de Empresa de Aluibérica.