O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle á Xunta “vacinar moito, rápido e ben” despois de ter recabado un dato “horriblemente negativo” no primeiro trimestre, no que o Sergas deixou 100.000 doses gardadas nas neveiras situando a Galicia á cola do ránking de vacinas aplicadas do Estado. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Sanidade no Pleno do Parlamento celebrado hoxe.
Torrado reclamoulle á Xunta “menos escusas, menos enfrontamento e máis vacinas” , logo de que o goberno galego escollera acumular “stock” de vacinas no primeiro trimestre, un argumento que desapareceu en canto “aceleraron” para utilizar, agora si, máis do 90 por cento das doses dispoñibles. Criticou que o presidente e o goberno galego sexan precisamente “coñecidos por discutilo todo” demostrándose “máis preocupados en buscar problemas que en buscar solucións”.
O responsable socialista lamentou neste sentido que o presidente da Xunta chegara 4 meses tarde ao proceso de vacinación, logo de que asegurara no Parlamento que as vacinas non chegarían ata abril, desatendendo o anuncio do goberno de España, que avisaba da chegada das primeiras doses en xaneiro. Advertiu que “semella que lle moleste que cheguen antes”, e por iso “protesta ata por que as doses chegaran por Portugal”.
Afeoulle ao goberno galego que mesmo criticaron falta de vacinas que en realidade “chegan en función da poboación diana”. Torrado explicou que Galicia recibiu ao principio menos vacinas porque é a Comunidade Autónoma con menos prazas de residencias públicas do Estado, e agora está a recibir máis porque a poboación obxectivo son as persoas maiores.
Defendeu o proceso de vacinación como un “éxito colectivo do sistema sanitario público” fronte a posicións “frontistas” e a “aqueles que teñen intención de recortalo”. Apuntou que “estamos globalmente moi satisfeitos coa vacinación”, derivado de “décadas de traballo do Estado do Benestar”.
Máis persoal estable
Instou a PP e ao goberno galego que “deixen os enfrontamentos para outro día” e comecen a reforzar a sanidade pública na que “evidentemente fai falla máis persoal” contratado de maneira estable. Advertiu de que a concentración de recursos no proceso de vacinación está a provocar a desatención da Atención Primaria, e resumiu que “necesitamos non desvestir a un santo para vestir ao outro”.
Afeoulle así ao PP as críticas contra o Grupo Socialista, onde “estamos tratando de ser leais”, e comprender da situación difícil de tódolos gobernos para xestionar o escenario. Así, lembrou as reclamacións polas vacinas dende os odontólogos, logopedas, mariñeiros embarcados, veterinarios, o persoal de limpeza dos centros de saúde, do Servizo de Axuda no Fogar, os sanitarios das penitenciarías ou os coidadores.
Explicou que o Grupo Socialista evitou utilizar como munición a todos estes colectivos, ademais dos 90.000 mutualistas que están a quedar fora do proceso de vacinación, coa situación laboral dos rastrexadores ou coas acumulacións e aglomeracións nos cribados e na vacinación.
Amosou a súa sorpresa polas críticas do PP, que “cambian o argumento segundo lles convén”, antes de sinalar que “se o Estado de Alarma agora é tan bo por que se opuxeron”, e “se temos tantos mecanismos dispoñibles, por que facer o que fixeron coa Lei de Saúde”.