O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que tome medidas urxentes para frear a plantación masiva de eucalipto provocada polo seu anuncio da suspensión de novas plantacións desta especie que non se sabe cando vai comezar. Seco alertou de que o anuncio “incide no mercado dun xeito irresponsable”.
O responsable socialista alerta de que o anuncio da suspensión “alí onde non se plante a dita especie no momento da suspensión” provocou que os viveiros esgotaran as plantas de eucalipto e as talas de pino e outras especies para plantar eucalipto antes de que estea prohibido, tirando polo chan os prezos do piñeiro.
Sinala que “nun momento de crise como o actual, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal debe tomar medidas para non seguir incidindo negativamente nos intereses dos propietarios no mercado da madeira e non se leve a cabo unha plantación masiva de eucalipto sen control neste período de espera”.