O líder do PSdeG empraza a Feijóo a recoñecer que o compromiso do Estado para investir máis de 1.000 millóns de euros en infraestruturas en Galicia “desborda o que fixo Rajoy e que el mesmo aplaudiu”
O secretario xeral volve ofrecer “man tendida” a Feijóo para reforzar a vacinación fronte á “evidente farsa” de que se podía inmunizar a toda Galicia “en seis semanas”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe a afrontar un “gran acordo de país” para reformar e actualizar o Estatuto de Autonomía logo de que pase a pandemia. Por iso, rexeitou “metelo no faiado” porque constitúe “os cimentos” da nosa autonomía, e apostou por afondar no autogoberno fronte a quen aposta por opcións independentistas.
Así, logo de reivindicar a posición do PSdeG na aprobación do texto estatutario hai agora 40 anos, Gonzalo Caballero subliñou que “Galicia deberá abordar o reto de actualizalo, modernizalo e poñelo ao día” unha vez superada esta crise para evitar que a nosa comunidade “quede rezagada”.
“Nós non agochamos o que queremos: somos autonomistas, cremos no Estatuto de Autonomía”, remarcou o líder do PSdeG, partidario de “modernizar e fortalecer o modelo de autogoberno dende a perspectiva federal” que se desenvolva “con lealdade” ao marco constitucional e que teña por obxectivo “defender e protexer ás persoas” máis alá de outras prioridades.
Por iso Gonzalo Caballero rexeitou as propostas de “modelo confederal” que asuman a autodeterminación ou a independencia como paso previo a construír posteriormente “unha posible confederación de estados”.
Dito isto, o responsable do PSdeG indicou que, mentres dura a crise non toca abrir a reforma do Estatuto de Autonomía, pero cómpre avanzar no autogoberno para facer as mellores políticas fronte a crise. Anunciou así unha iniciativa parlamentaria para recabar ata 30 competencias que “poden e deben ser transferidas” á nosa comunidade.
AVANCE EN INFRAESTRUTURAS
Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG chamou a “desfacer as películas da dereita” en torno á idea de que “só o PP defende a Galicia”, á vista do paquete “histórico” de compromiso coas infraestruturas galegas anunciado polo ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos.
De feito, emprazou a Feijóo a recoñecer que “desborda todo o que fixo Rajoy e que el aplaudía”. “Débelle unha desculpa aos galegos e ás galegas” logo de afirmar que as obras do AVE non estarían rematadas no ano 2020 e que logo da visita de Ábalos a Galicia “tivo que baixar do cabalo”, apostilou.
Sinalou que este paquete de medidas, polo que levan traballando os socialistas galegos dende a toma de posesión do goberno, inclúe unha rebaixa histórica das peaxes da AP-9 para o mes de xullo que foi aprobada polo PSOE “co voto en contra de PP e BNG aos orzamentos do goberno”.
Ao respecto, lamentou que “non respaldaran os orzamentos máis progresistas” e que ademais abren a porta ao remate do AVE a Galicia, á construción das intermodais, á conexión con Punta Langosteira, á saída sur de Vigo ou a electrificación das vías de AVE a Lugo, entre outras cuestións.
Ademais, Gonzalo Caballero destacou que o ministro Ábalos comprometeu un investimento de máis de 1.000 millóns de euros nas infraestruturas para Galicia, moi por riba dos criterios habitualmente utilizados en relación ao peso de Galicia no PIB de España ou ao volume de poboación.
REFORZO DA VACINACIÓN
En paralelo, o líder dos socialistas galegos advertiu das eivas do dispositivo de vacinación organizado polo goberno galego, como amosa o feito de que Galicia siga á cola das comunidades autónomas no subministro de vacinas en función das doses que recibe. “Non se poden deixar cada día 100.000 vacinas nas neveiras do Sergas”, recalcou.
Ademais, engadiu, a concentración de recursos no proceso está a prexudicar á Atención Primaria, polo que tendeu de novo a man ao presidente da Xunta para “reforzar” o sistema sanitario, porque “a vacina está para quedarse” e haberá que facer campañas todos os anos.
Ademais, subliñou que os datos de vacinación en Galicia evidencian que Feijóo realmente erraba cando dicía que non chegarían vacinas ata o segundo trimestre deste ano, e a chegada das doses “o colleu despistado”. Do mesmo xeito, criticou que a promesa de Feijóo de vacinar 100.000 galegos e galegas ao día ou toda a poboación en seis semanas “era unha evidente fanfarronería”.
LEI DE CAMBIO CLIMÁTICO
Gonzalo Caballero lamentou os “intentos de confundir” por parte da Xunta con relación á Lei de Cambio Climático, e reclamoulles que “deixen de facer demagoxia” para poñer en dúbida o compromiso do Estado co sector do mar-industria. Lembrou que a única prórroga denegada nestes anos derivou dun informe negativo da Xunta, e explicou que a prórroga de Ence depende unicamente do que determine a xustiza logo da prórroga concedida por Rajoy cun goberno en funcións.
Finalmente, en resposta a preguntas dos xornalistas, agradeceu o respaldo do ministro de Transportes e secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, á dirección política do partido en Galicia encabezada por el mesmo.