O secretario xeral volve “tender a man“ a Feijóo para “un gran acordo” encamiñado a lograr que o proceso de vacinación sexa “máis áxil e eficiente”
A alcaldesa Lara Méndez denuncia que “hai moitos déficits e moitos incumprimentos por parte da Xunta con Lugo” e chama a Feijóo a “cumprir coa súa palabra”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Lugo en compañía da alcaldesa, Lara Méndez, a quen lle transmitiu a súa satisfacción por atopala recuperada logo de ter pasado a covid.
Dende a cidade das murallas, en presenza tamén do secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, os deputados Ana Prieto e Javier Cerqueiro e as concelleiras socialistas Paula Alvarellos e Ana González Abelleira, Gonzalo Caballero puxo en valor os compromisos do goberno de España con esta cidade que onte constatou o ministro de Fomento.
“Lugo ten que ser unha capital de referencia, e para iso necesita infraestruturas”, subliñou o líder do PSdeG, quen puxo en valor eses compromisos por parte do goberno liderado por Pedro Sánchez cos “anos de esquecemento” por parte do executivo de Mariano Rajoy.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero destacou a mellora dos servizos ferroviarios para Lugo, en concreto á electrificación e preparación da conexión Lugo- Monforte- Ourense, á cal o goberno destinará máis de 500 millóns de euros para así conectar a cidade á alta velocidade e que a viaxe ata Madrid por tren supoña menos de catro horas.
Canto ás estradas, o máximo dirixente do socialismo galego resaltou o compromiso do Ministerio de Transportes para acadar unha conexión con Santiago “en condicións”. “Que a A-54, onde se está facendo un viaducto dun kilómetro polo río Pambre, sexa unha realidade o antes posible”, reafirmou Gonzalo Caballero.
E, fronte ao cumprimento do goberno de España con Lugo, o responsable do PSdeG situou á Xunta, que “non cumpre con Lugo”. “Ten que facer os seus deberes”, recalcou, porque “os lucenses merecen algo mellor”.
Neste senso, Caballero subliñou que “a Ronda Leste leva pendente dende hai máis dunha década”. “É unha promesa continua de Feijóo nunca levada a cabo, e xa é hora de que a Xunta cumpra con Lugo”, engadiu, crítico coas “promesas e promesas sen feitos” que caracterizan a xestión da Xunta. Asi mesmo pediu á Xunta compromiso coa intermodal e o museo da romanización.
Do mesmo xeito, o referente do PSOE en Galicia requiriu ao BNG que “deixe a pancarta” e “colabore” co goberno de Españs na tarefa de facer que Lugo avance en infraestruturas e en todos os ámbitos para manterse como “unha cidade de primeira”.
LARA MÉNDEZ
Pola súa banda, a alcaldesa, Lara Méndez, agradeceu a visita de Gonzalo Caballero a Lugo “para seguir reivindicando infraestruturas imprescindibles” para o desenvolvemento da cidade.
“Hai moitos déficits e moitos incumprimentos por parte da Xunta con Lugo”, remarcou a rexedora, quen requiriu de Feijóo “o cumprimento da palabra”.
Fixo fincapé na construción da Ronda Leste “para dar servicio tanto aos lucenses como á cidadanía de toda a provincia” para, por exemplo, o acceso ao HULA. A este respecto, recordou que foi o goberno de Emilio Pérez Touriño o que apostou por esta vía da que agora “non sabemos nada”.
“Lugo non pode quedar descolgado da cohesión territorial”, incidiu Lara Méndez, para anunciar que levará ao pleno unha nova moción para que a Xunta “cumpra” co orzamentado para Lugo. “O esforzo que levamos feito dende o concello para facer fronte á covid, con máis de 20 millóns de euros que son case o 20% do noso orzamento, quedará mermado se a Xunta non aposta pola cidade”, finalizou.
VACINACIÓN
En paralelo, Gonzalo Caballero fixo referencia ás vacinas para volver a “tender a man“ a Feijóo para “un gran acordo” encamiñado a “fortalecer o sistema de vacinación” a fin de que todo o proceso sexa “máis áxil e eficiente”. Sobre todo, como dixo, nun escenario no que van chegar a Galicia “centos de milleiros” de doses.
“Non pode seguir habendo máis de 100.000 vacinas nas neveiras do Sergas”, demandou o líder do PSdeG, consciente de que Galicia está na parte baixa da táboa das comunidades por número de doses administradas en relación ás recibidas.