O líder dos socialistas galegos sinala que a situación de Ence “non cambiou coa Lei de Cambio Climático”, porque segue pendente da “sentenza xudicial” sobre a prórroga que lle concedeu Rajoy
Tino Fernández carga contra os “pontevedreses asintomáticos” do PP como Rajoy, Pastor e Rueda, que “só exercen para criticar, pedir e enturbiar e nunca para solucionar nada”
Pontevedra, 9 de abril de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, dixo hoxe que a rebaixa das peaxes da AP-9 é un “compromiso histórico que leva o selo do goberno de Pedro Sánchez, fronte á oposición totalmente equivocada de PP e BNG” aos Orzamentos Xerais do Estado que inclúen a partida para facelo posible.
Así o dixo nunha visita a Pontevedra xunto coa secretaria local, Maica Larriba; o tenente de alcalde, Tino Fernández, e os parlamentarios Guillermo Meijón, Marica Adrio e Paloma Castro, ademais do grupo municipal socialista.
O líder dos socialistas galegos emprazou a PP e BNG a que “recoñezan que erraron, que se equivocaron cando votaron contra os Orzamentos Xerais do Estado” que habilitaron máis de 60 millóns de euros para bonificar as peaxes dende este mesmo ano e ata o remate da concesión.
Así, o máximo responsable do PSdeG reclamoulles “que recoñezan que cun goberno progresista se vai facer unha rebaixa histórica das peaxes como xamais se fixo en Galicia nin en España”.
Ademais, Gonzalo Caballero destacou que el mesmo, “dende o primeiro momento”, se marcou o obxectivo de dialogar co goberno de España para acadar unha rebaixa nas peaxes da AP-9. Así é que a súa primeira xuntanza cun ministro foi co responsable de Transportes, que hoxe confirmou en Galicia a gratuidade de todos os traxectos de volta por esta autoestrada e unha bonificación adicional do 20% nas idas para os usuarios recorrentes, entre outros descontos.
“Estamos en condicións de darlles aos galegos e ás galegas solucións aos seus problemas”, reivindicou así Gonzalo Caballero o traballo feito pola dirección do PSdeG e por todo o partido.
“Todos os veciños de Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol… sabemos que o gravame terrible do custe da AP-9 llelo debemos a Aznar, Rajoy e Feijóo”, remarcou o líder do PSdeG, consciente da ampliación da concesión da AP-9 ata 2048 e da privatización da propia concesión. “Só cun goberno socialista isto mudou”, engadiu Gonzalo Caballero.
ENCE
En paralelo, o responsable socialista apuntou que a aprobación da Lei de cambio climático convirte a España nun país “máis próspero, máis moderno e medioambientalmente máis sostible”, por canto consigue “avanzar contra o cambio climático e responder á demanda medioambiental masiva da sociedade española ante os retos do noso tempo”.
Ademais, Gonzalo Caballero puntualizou que, coa aprobación da norma, “a situación de Ence en Pontevedra non cambiou”.
Aclarou que a concesión á pasteira está xudicializada e por iso está en cuestión a ampliación feita por Rajoy dende un goberno en funcións: “a sentenza aclarará se é legal ou ilegal”. “O goberno de España traballa coa legalidade, e respectará a sentenza xudicial que vai decidir se hai posibilidade de que Ence permaneza na ría de Pontevedra máis ou menos tempo”, apostilou.
Gonzalo Caballero sinalou que a posición do PSdeG sempre foi a de defender os postos de traballo e de que “Ence, a longo prazo, non pode seguir onde está”, polo que reclamou a todos os actores implicados que “cooperen e colaboren nunha mesa de diálogo que estude unha situación diferente”.
Emprazou á responsabilidade social corporativa dunha empresa obrigada a “colaborar e aportar” logo de “anos enchendo os petos con centos de millóns de euros de beneficio”. Acusou ademais ao goberno galego de empregar o medio ambiente e a industria para “xerar problemas e nunca axudar a acadar solucións”.
DISCRIMINACIÓN DE PONTEVEDRA
Caballero acusou ao goberno galego de ter “discriminada” á cidade de Pontevedra, deixando desatendidas as demandas locais, unha cuestión que exemplificou co proxecto do Hospital Montecelo. Amosa que “as promesas de Feijóo nunca pasan de ser maquetas”, criticou, ao tempo que reclamou tamén que o goberno galego incremente as aportacións do servizo de axuda no fogar, logo de obrigar aos concellos a ampliar as horas que teñen que aportar.
Pola súa banda, o voceiro local, Tino Fernández, cargou contra os “pontevedreses asintomáticos”, sinalando a Rajoy, Ana Pastor ou Alfonso Rueda, que, dixo, “só exercen de pontevedreses para criticar, pedir, enturbiar, pero non para solucionar nada”. Apuntou que Ana Pastor “non investiu un euro en Pontevedra”, e o único que fixo Rajoy foi “darlle unha prórroga ilegal a unha empresa que eles dicían que había que sacar de aí.
O último que se une a este grupo do PP, dixo, é o vicepresidente Rueda, que “só ven criticar as obras da circunvalación que eles non fixeron e tivo que afrontar o Concello”, e cando “nin sabemos se van construír a variante de Alba”. O mesmo sucede coa dragaxe da ría, que “nin recordo a primeira vez que prometeron”, a situación do Montecelo ou o Servizo de axuda no fogar co que “asfixian aos concellos”.
Tamén tomou a palabra a secretaria xeral do PSdeG en Pontevedra, Maica Larriba, agradeceu a visita de Gonzalo Caballero e destacou o compromiso de todos os cargos socialistas da cidade a seguir traballando a prol dos intereses dos pontevedreses e pontevedresas ante esta crise.