O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, cualificou hoxe o proxecto de “Ecobarrio” da Ponte de “auténtica tomadura de pelo” por parte da Xunta á cidadanía de Ourense. Francisco presentou unha pregunta oral na Comisión de Economía do Parlamento polo parón deste proxecto, no que Feijóo se comprometeu a investir 20 millóns de euros en 2018 pero que ata o momento só executaron 695.000 euros.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de dar “unha larga cambiada” e “botar balóns fora” ao apuntar a posibilidade de financiar a iniciativa con fondos europeos cando a realidade é que “non hai vontade política dende a Xunta para desenvolver este proxecto”. Explicou así que en 2019 orzamentaron 2,4 millóns pero apenas executaron 460.000 para facer unha sede que hoxe está pechada, e en 2020 reduciron o orzamento a 741.000 euros que deixaron sen executar.
Juan Carlos Francisco apuntou que “temos un problema na cidade de Ourense que non se da desatascado por responsabilidade da Xunta de Galicia, que mantén a un alcalde esperpéntico”. Reclamou que “permitan que goberne a lista máis votada –representada polo PSdeG- e que a cidade se desatasque cando menos neste tipo de cuestións” que manteñen bloqueadas como o Ecobarrio, igual que o parque acuático ou o hotel balneario.
Resumiu que malia que para este ano teñen orzamentados outros 870.000 euros, a realidade é que non pode disfrazar o “fiasco” deste proxecto de Feijóo que anunciaba unha chuvia de 20 millóns de euros e 300 postos de traballo na súa primeira fase, xerando calefacción e auga quente por xeotermia para 31 edificios públicos e 18 vivendas privadas. Dous anos despois, “tan só executaron 695.000 euros, teñen unha oficina pechada e ninguén sabe nada”.