A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, amosou o seu “gran desconcerto” ante a negativa do PP a apoiar esta proposta para pedirlle á Xunta que elabore un protocolo para a accesibilidade dixital bancaria para as persoas vulnerables. Ortega sinalou que o veto do PP supón “unha postura difícil de comprender e de explicar á cidadanía”.
A responsable socialista alertou da situación delicada destas persoas, que pola distancia imposta pola pandemia quedan sen apoio fronte á fenda dixital. Reclamoulle á Xunta que “medie entre as entidades bancarias e os usuarios maiores ou con limitacións cognitivas” empregando a capacidade de competencias das que dispón o goberno galego.
Reclamou un “plan de acción concreto que blinde os dereitos das persoas maiores e garanta as condicións básicas da súa vida diaria”. Lamentou a insensibilidade do PP ao rexeitar esta proposta dirixida a garantir a “accesibilidade cognitiva”, poñendo o acento “non só na necesidade de eliminar as barreiras físicas, senón tamén cognitivas”.
A parlamentaria socialista alertou da urxencia de que a administración autonómica “leve a cabo un proceso de intermediación entre as entidades bancarias e os usuarios máis vulnerables e afectados polas restricións e o incremento aínda maior da dixitalización das xestións cotiás neste ámbito”.
Apuntou que a barreira dixital “impide que as persoas maiores poidan ter a autonomía suficiente na súa vida diaria”, limitando as “necesidades básicas de toda persoa, como son o acceso ás xestión básicas que se precisan para autoxestionar a propia economía, normalmente relacionada cos procesos e xestións bancarias”. Explicou “o proceso de dixitalización da propia sociedade vai moi rápido para permitir o correcto proceso de transición e adaptación a estes cambios”.
Marina Ortega lembrou que a propia Lei de Impulso Demográfico fixa a obriga das administracións públicas de garantir o envellecemento saudable, ademais de promover a participación social das persoas maiores, favorecendo a súa “autonomía persoal e a protección, seguridade e coidados axeitados”.