A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa presentada polo PSdeG para que a Xunta intensifique os procesos de cribado e detección precoz do cancro. O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou sen embargo que o PP impedira acordar tamén pedirlle á Xunta os datos oficiais sobre o impacto da pandemia no descenso destas deteccións precoces.
O responsable socialista aplaudiu o acordo para instar á Xunta a que intensifique os cribados como vía para resolver a falla de diagnósticos provocada pola pandemia no ano 2020, no que “paralizáronse e enlentecéronse os procesos de detección precoz durante a primeira onda, co que detectamos os síntomas menos ou máis tarde”.
Alertou de que este efecto resulta “bastante grave” por canto se trata dunha enfermidade “tempodependente” na que a detección precoz é fundamental no tratamento. A proposta aprobada hoxe tamén lle pide ao goberno galego que avalíe novos sistemas de cribado e detección precoz de cancro “para casos e tipos que hoxe aínda non estean sendo incorporados aos procesos de cribado que leva a cabo o Sergas”.
Informe
O responsable socialista lamentou que o PP obrigara a deixar fora do acordo de hoxe outro punto da iniciativa no que lle pedía ao goberno galego que fixera públicos os datos sobre os cribados, para coñecer o impacto real da pandemia na ralentización da detección precoz. Lamentou que, en troques de buscar o acordo, a portavoz do PP optara por lanzar “ataques furibundos sen fundamento” cando “conclúen a mesma reflexión que fixemos nós”.
Explicou que o propio conselleiro de Sanidade recoñeceu en sede parlamentaria este “gap”, que mesmo chegou a cifrar en torno ao 10 por cento, anunciando que entregaría uns datos “que nunca chegaron”. Si que ofreceu algunhas cifras a representante do PP que, precisou Torrado, “non é portavoz do goberno”, e preguntou “por que se negan a compartir uns datos que recoñecemos que non son culpa da xestión do goberno”.
Lamentou que a única reticencia sexa “non querer compartir o informe, ou facelo se é que non existe e compartilo, pero non queren facer o informe nin que os demais coñezamos as cifras cando compartimos que preocupan”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a: