O líder dos socialistas galegos esixe á Xunta que se comprometa na liberalización de peaxes nas autoestradas autonómicas AG-55 á Costa da Morte e AG-57 do Val Miñor como “corresponsabilidade” coa rebaixa “histórica” da AP-9 que fai o Estado
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que rebaixe as peaxes das autoestradas competencia da Xunta. Caballero compareceu hoxe en Carballo para pedirlle á Xunta que liberalice as peaxes “excesivas” da AG-55 entre A Coruña e Carballo, unha reclamación que tamén fixo en Gondomar para esixir a rebaixa da AG-57 Puxeiros – Val Miñor.
Gonzalo Caballero mantivo unha xuntanza cos representantes políticos do PSdeG de Bergantiños e Costa da Morte, aos que anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para darlle á Xunta un prazo de 6 meses para presentar un estudo sobre a liberalización das peaxes autonómicas e abordar unhas rebaixas que cheguen a todos os cidadáns.
Esixiulle ao presidente da Xunta “corresponsabilidade” coa rebaixa “histórica” da AP-9 liderada polo goberno de Pedro Sánchez, e emprazou a Feijóo a “colaborar para rebaixar a peaxe nas vías que son de competencia autonómica”. Advertiu de que a Xunta “deixou de facer inversións e avances en materia de infraestruturas ao longo dos últimos anos”.
“Non podemos permitir que o goberno da Xunta deixe de apostar polo territorio, polo transporte e a mobilidade e manteñ gravames excesivos”, dixo, e sinalou que “hai que traballar cara un modelo no que cada galego e galega poidan moverse por tódalas vías do país independentemente do seu nivel de renda”. Subliñou que “é necesario que Feijóo, ademais de estar sempre queixándose, faga cousas por Galicia e tamén por Carballo e as comarcas de Bergantiños e Costa da Morte”.
Explicou que a AG-55 ten “peaxes excesivas”, mentres o goberno galego conta con “fondos e competencias para rebaixar unhas peaxes que son un agravio e un gravame que dificulta o transporte da cidadanía pola cornisa noroeste da nosa Comunidade Autónoma”.
Respondeu así da “demanda histórica” para avanzar cara á liberalización da peaxe entre A Coruña e Carballo que demandou tamén a portavoz socialista en Carballo, Mari Carmen Vila, que lembrou ademais que “seguimos pendentes da variante de Carballo, da que non sabemos nada”. Vila acudiu ao encontro co líder do PSdeG xunto cos representantes institucionais e orgánicos da comarca.
Man tendida
Gonzalo Caballero reiterou hoxe a oferta de “man tendida” ao presidente da Xunta para reforzar o sistema de vacinación de cara á chegada masiva de dosis nas próximas semanas. Subliñou que “necesitamos que se administren con celeridade evitando escenarios de colapsos e de colas como se están dando en distintas cidades” galegas.
Salientou a urxencia dun “acordo para ter un sistema de vacinación áxil e eficiente que permita que cada vacina sexa administrada con eficacia no tempo máis curto posible”. Comprometeu o traballo dos socialistas galegos, “volcados en acadar as mellores políticas públicas fronte á crise sanitaria, económica e social”, para “camiñar cara unha inmunidade máis global de aquí ao verán”.