Censura a “lamentable” política de infraestruturas da Xunta en Ourense, “avalada pola preitesía do PP”
A deputada Carmen Rodríguez Dacosta vén de instar á Xunta a “redefinir” o proxecto da segunda fase de rehabilitación da Ponte Romana e do skate park situado no parque do Couto. Fíxoo, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento de Galicia.
“Cremos que a cidade non se pode converter nun tetris de pezas sen sentido e que se deben planificar e executar as novas infraestruturas da man dos afectados e tamén dos grupos políticos, antes de poñer en marcha calquera actuación”, sinalou a socialista, logo de que “os feitos demostran que Xunta e PP actuaron sen atender as necesidades da cidadanía”.
Así, lamentou que “agora temos que asumir dotacións que poden caer no abandono, malgastando o diñeiro público e poñendo en risco ou directamente esnaquizando as zonas verdes e os espazos de esparcemento urbano das ourensás e ourensáns”.
No caso do proxecto do skate park, o Grupo Socialista xa alertara de que era necesario buscar alternativas para a súa situación “ante os posibles danos que podía ocasionar ao pulmón verde da cidade, xa que ademais contaba co rexeitamento veciñal e das propias persoas usuarias do parque”.
“Recentemente o propio PP, que defendía a capa e espada o novo skate park, levou unha iniciativa ao pleno de Ourense autoemendándose e recoñecendo que o proxecto realizado non chega nin atende ás necesidades dos usuarios”.
“OUTRO MAMOTRETO SEN SENTIDO” PARA “AFEAR OURENSE”
Doutra banda, dentro das obras da contorna do pavillón dos deportes proxectadas pola Xunta, “atopámonos co levantamento dunha plataforma de formigón o carón da Ponte Romana, ante o que prevemos que pode ser outro mamotreto sen sentido que xa se levou por diante as árbores da zona e que pode afear un dos monumentos máis emblemáticos da nosa cidade e pór en risco a súa protección e valor”.
“Non entendemos que se perda a oportunidade histórica para acondicionar de verdade unha contorna tan importante para o desenvolvemento urbano cando nin tan sequera se incluíu no proxecto das obras o arranxo da beirarrúa localizada no barrio da Ponte, ao inicio da Ponte Romana, pechada despois de dous anos e con riscos de derrubamento”, aseverou.
Finalmente, Rodríguez Dacosta lamentou que estas dúas actuacións se convertan “nun exemplo máis da lamentable política de infraestruturas da Xunta en Ourense, avalada coa pleitesía do PP”.