Insta á Consellería de Política Social a que acceda á petición de reunión por parte do equipo educativo do centro logo de suspender unha cita no mes de xaneiro “a instancia da propia Dirección Xeral”
A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, vén urxir ao goberno galego a que atenda os problemas do centro San Anxo de Rábade no que viven menores tutelados. Fíxoo no Parlamento, a través da presentación dunha batería de iniciativas neste senso.
“O ano pasado, a través dos medios de comunicación, puxéronse de manifesto problemas importantes en canto á xestión nos centros de menores de Galicia”, asegurou a responsable socialista, quen subliñou que, en concreto, “o centro Santo Anxo de Rábade está a vivir problemas de conducta nos menores que dificultan e poñen en perigo o traballo dos profesionais e o benestar dos menores”.
Neste senso, Ortega alertou de que “é preocupante a fraxilidade do interese superior dos menores cando en numerosas ocasións, despois de ingresar en Rábade cunha tutela ou garda, derivaron a un centro de reforma con causas xudiciais”.
Por todo iso, sinalou, “tendo en conta que a Xunta debe priorizar o benestar dos menores e a seguridade do persoal laboral do centro, consideramos vital que Política Social analice a xestión e tome medidas para solucionar a situación”.
“O ano pasado, o Grupo Socialista presentou varias iniciativas sobre este asunto e, entón, Política Social asegurou que accedería á petición de reunión por parte do equipo educativo do centro. De feito, soubemos que se fixara unha xuntanza o 13 de xaneiro, pero ao parecer a cita foi suspendida a instancia da propia Dirección Xeral e, dende entón, nada se soubo”, censurou a socialista.
Por último, Ortega pediu “celeridade” ao goberno galego para arranxar esta problemática, xa que “é un tema fundamental e non pode agardar máis”.