Critica os “impagos” do goberno galego durante 11 anos, o que “pon en risco a actividade social” dun “símbolo cultural” de Galicia
O deputado coruñés Pablo Arangüena vén de instar á Xunta de Galicia a pagar este ano “a totalidade da débeda” que mantén a día de hoxe coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), que “ascende a máis 5 millóns de euros”. Fíxoo, no Parlamento, a través da presentación dunha batería de iniciativas neste senso.
“A Xunta está a incumprir o convenio de colaboración para o financiamento do consorcio que xestiona o OSG”, declarou o vicevoceiro do Grupo Socialista, logo de que dende o ano 2011 o goberno galego “incumprise o acordo, ano tras ano, e de xeito inaudito”. Isto supón, subliñou, “uns importes que oscilan entre os 358.000 e os 859.000 euros anuais”.
Arangüena sinalou que o convenio de colaboración co goberno galego asinouse en decembro de 2004,establecendo que a Xunta pasaría a cofinanciar o ente cunha cantidade de 3 millóns de euros anuais”, unha vez que os estatutos do consorcio se modificasen para incluír á Xunta como parte del, “cousa que tivo lugar en 2005”. Así, subliñou, “o convenio cumpriuse rigorosamente ata 2010, pero logo chegou Feijóo á Xunta de Galicia”.
Esta situación de “impagos” provocada polo goberno galego ao longo de 11 anos, destacou, “pon en risco a actividade social” da OSG, “ademais de imposibilitar unha planificación axeitada das súas actividades, sendo evidente que unha comunidade como Galicia ten a obriga de non deixar caer un dos seus símbolos culturais”.
Finalmente, o vicevoceiro do Grupo Socialista puxo en valor a OGS, xa que é “unha institución cultural imprescindible” que ademais “consigue manterse nunha cidade que non chega aos 250.000 habitantes”. Así, “fai moito con pouco e mantén contra vento e marea a súa xestión económica con recursos decrecentes que poñen en risco o seu futuro”, por iso, “é imprescindible que a Xunta pague o que debe e inexplicable que non o fixese aínda”, concluíu.