Urxe a implicación do goberno galego, xa que as medidas impostas son sanitarias e o custe para os concellos “é case inasumible”
A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de pedir a Xunta que “compense economicamente aos concellos” para que poidan levar a cabo a desinfección dos parques infantís e zonas deportivas de uso público ao aire libre cando “o comité clínico que asesora ao goberno entende que é necesaria unha desinfección diaria”. Fíxoo, a través da presentación dunha batería de iniciativas, no Parlamento.
“A obriga de desinfección diaria está a supoñer para os concellos un custe case inasumible”, sinalou a socialista, quen exemplificou que o Concello de Pontevedra “está a asumir un custo de 1.600 euros diarios por desinfección” só realizando este labor unha vez ao día.
Nesta liña, a vicevoceira socialista considera que “a medida máis axeitada” sería continuar co límite de aforamento, ademais da obriga da desinfección na entrada das instalacións. Así, pediu a colaboración do goberno galego co establecemento de límites de aforo e coa dotación de dispensadores de xel hidroalcólico ou solucións xabonosas no caso dos espazos para menores de 2 anos, tal e como instan as recomendacións da propia Xunta.
Con todo, Castro incidiu en que os concellos “levan asumindo dende o inicio da pandemia moitos gastos que non son da súa competencia” co fin de garantir o benestar da súa veciñanza. Malia isto, sinalou, a Xunta “está a mirar cara a outro lado, non axudando economicamente aos concellos”, o cal se viu plasmado na diminución a partida de transferencias aos mesmos nun 18% no orzamento de 2021.