Considera que “cunha chamada telefónica non se pode avaliar unha rebaixa no grao dunha discapacidade”
A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, vén de pedir á Xunta de Galicia a supresión das valoracións telefónicas para obter recoñecementos de grao de discapacidade. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Política Social do Parlamento a través dunha pregunta ao goberno.
“Actualmente as valoracións para obter o recoñecemento de grao de discapacidade estanse a facer mediante valoracións telefónicas”, sinalou a socialista, pero “dada a casuística a tratar, consideramos que, de xeito inmediato, tomando todas as precaucións e cumprindo as medidas sanitarias, débense retomar as valoracións presenciais”.
Así, subliñou a importancia desta circunstancia, xa que “o feito de alcanzar mesmo un 33% de discapacidade condiciona o acceso a unha serie de beneficios fiscais, laborais, económicos, educativos ou sociais”.
Ortega censurou que unha avaliación telefónica poida diminuír o grao de discapacidade dunha persoa, por exemplo, con xordo-cegueira, xa que supón “unha falla de rigor”. Ademais, “cando baixamos o grao de discapacidade por unha revisión de oficio significa que unha persoa pode perder dereitos que tiña garantidos con anterioridade”.
Nesta liña, sinalou que nas circunstancias excepcionais nas que nos atopamos, “moitas persoas teñen uns ingresos moi baixos”, co que non se poden poñer en risco os seus dereitos adquiridos como persoa con discapacidade.