A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, esixiulle hoxe ao PP e ao goberno galego “menos titulares e máis realidade” para afrontar a soidade non desexada. A responsable socialista lamentou que o PP votara hoxe en contra dunha moción do PSdeG para pedirlle á Xunta que constitúa un Observatorio da Soidade en Galicia que “marque as pautas e determine un Plan específico sobre a soidade non desexada”.
Ortega criticou que o goberno galego empregara o debate suscitado polos socialistas galegos para anunciar unha estratexia fronte á soidade non desexada que tiña “esquecida” logo de 2 anos despois de tela anunciado e nos que “non fixeron nada”. Reclamou que “tomen o timón e aborden un plan urxente e serio fronte á soidade non desexada”, para afrontar unha situación “agravada por unha pandemia sen precedentes”.
A parlamentaria socialista propuxo hoxe a creación dun Observatorio da Soidade “que conte cos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia, axentes sociais implicados e universidades, para obter estudos e datos respecto á soidade non desexada en Galicia”. Este organismo permitiría elaborar de inmediato un Plan Galego específico “para abordar a soidade non desexada en Galicia en coordinación coa Administración Local”.
Chamou a “romper o tabú, recoñezamos a realidade e falemos claro para chegar a un gran acordo” que permita afrontar o que pode ser un grave problema para as 280.000 persas que viven soas en Galicia, 126.000 das cales teñen máis de 65 anos. Ortega sinalou a incidencia da soidade non desexada nas patoloxías mentais, que actualmente son a principal causa de morte non natural, mesmo duplicando a mortalidade nos accidentes de tráfico.
Inaccións
Marina Ortega criticou as “inaccións” da Xunta, que “pecha servizos no rural, facendo que persoas maiores marchen do seu pobo, padecendo unha deslocalización emocional provocada polo desmantelamento de servizos” que provocan o abandono dos seus fogares, con pobos cada vez máis deshabitados. Criticou que “aproben unha Lei de Demografía mentres segue pechando escolas e deixando que os postos de traballo marchen a outras autonomías”.
A responsable socialista contrastou a belixerancia amosada hoxe polo goberno galego contra calquera retraso na Execución das infraestruturas sobrevido pola incidencia a covid cando “xustifican” a falla de atención á soidade non desexada e a paralización dos servizos da Dependencia previsamente pola pandemia “cando precisamente é parte do asunto en si”.