A voceira de Infraestruturas do Grupo Socialista reivindica o traballo do goberno central coa AP-9, cuxas bonificacións “serán unha realidade este ano” grazas aos Orzamentos Xerais do Estado “aos que PP e BNG votaron en contra”
A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, vén de criticar que a Xunta “torpedee” os investimentos en infraestruturas do goberno de España en Galicia. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, trala comparecencia da conselleira de Infraestruturas, a quen instou a deixar “a camiseta do PP” e poñerse “a camiseta de todas as galegas e galegos”.
A responsable socialista lamentou que, ao día seguinte de que Feijóo “agradecese” publicamente ao ministro de Infraestruturas José Luis Ábalos o seu traballo con respecto ao AVE, AP-9 ou a saída sur de Vigo, “a conselleira de Infraestruturas poñía de novo a camiseta do PP para antepoñer os intereses do Partido Popular aos dos galegos e galegas”.
“Opóñense a avanzar despois de que, durante anos, abandonasen as infraestruturas en Galicia”, sentenciou a deputada socialista, quen incidiu en isto ocorreu “malia ter un presidente do goberno galego e unha ministra de Infraestruturas galega”. Así, asegurou, “están avergoñados polo que non fixeron” cando Mariano Rajoy estaba no goberno.
Doutra banda, Otero reivindicou o traballo levado a cabo polo goberno central de Pedro Sánchez no eido das infraestruturas en Galicia. Así, destacou que as bonificacións da AP-9 “non son só un anuncio”, senón que “serán unha realidade este ano” grazas aos Orzamentos Xerais do Estado que consignan máis de 55 millóns para esta fin e permitirán aplicar unha “rebaixa histórica” e “o maior esquema de bonificación de peaxes da historia concesional de España”.
En canto ao AVE, a responsable socialista aplaudiu que as probas de seguridade se estean desenvolvendo “de forma positiva” e tanto o ministerio como ADIF “manteñan a previsión de poñelo en servizo este mesmo ano”.
A XUNTA “BOTA BALÓNS FÓRA” CON RESPECTO ÁS INFRAESTRUTURAS EN GALICIA
“Presume de facer accións de calado. Tan de calado e en silencio son que non sabemos onde están todas esas obras que vostede vén a anunciar”, sinalou a socialista, quen criticou que a Xunta “bote balóns fóra” con respecto ás infraestruturas.
Nesta liña, Otero criticou a falla de financiamento por parte da Xunta para determinadas infraestruturas, como a “prometida chegada do AVE a Lugo polo propio Feijóo no ano 2012”; a vía de altas prestacións Tui-A Guarda, que “todos os anos está orzamentada, pero nunca se fai nada”; ou a escaseza de investimentos para estacións intermodais, como a de Coruña, na que a Xunta achega tan só 4,5 millóns de euros fronte aos 18,6 millóns que aporta o goberno de España.
Finalmente, a responsable socialista instou ao goberno galego a “traballar a reo” co goberno central “para que os fondos europeos de transformación, recuperación e resiliencia cheguen a Galicia” e permitan “mellorar as nosas infraestruturas”. “Son moi necesarios para a nosa comunidade”, sentenciou.