O secretario xeral do PSdeG manterá esta semana tamén unha reunión coa vicepresidenta cuarta, Teresa Ribera, para abordar temas galegos sobre reto demográfico, medioambiente, transición e industria
O líder socialista chama á “prudencia” ante a relaxación das restricións porque unha cuarta onda sería “o peor escenario” tanto para a saúde como para a reactivación da nosa economía
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe a importancia do “diálogo” para enfrontar a crise de máis dimensión da que temos recordo. Por iso, na semana na que terá lugar a xuntanza con Feijóo, comprometeu que acudirá con “ideas e propostas para protexer á xente”.
“Nós non buscamos protagonismos nin estamos preocupados polas fotos; estamos preocupados por dar respostas a unha cidadanía que o está pasando moi mal”, recalcou, logo de sinalar que aínda non se coñece o formato da reunión.
“Se queremos dialogar e compartir unha folla de ruta para a reactivación económica, deberíamos ter interlocución entre todos”, defendeu Gonzalo Caballero, para quen “a cooperación é a mellor resposta que podemos dar” neste tempo de crise.
“En momentos de dificultade fan falla grandes acordos pensando nos galegos e nas galegas”, engadiu o líder do PSdeG, consciente de que os maiores retos aos que se enfronta Galicia son “os riscos de desigualdade social e a falla de oportunidades no eido laboral”.
“Fronte a un modelo esgotado, necesitamos respostas novas para o tempo postcovid”, reivindicou Gonzalo Caballero, antes de indicar que “vou levar a Feijóo a voz dos galegos e das galegas” para atopar unha solución aos seus problemas.
Referiuse así ás mulleres, que “sofren máis”as consecuencias das crises; aos mozos, “sen expectativa de futuro”; aos empregados, autónomos e pemes, con dificultades para “chegar a fin de mes”; e aos sectores “paralizados” pola pandemia, como a cultura, o deporte, a hostalería, o ocio nocturno e o comercio.
Precisamente por iso, Gonzalo Caballero asegurou que acudirá con “vontade construtiva e propositiva” ao encontro con Feijóo, que agarda que sirva para “compartir os retos de futuro entre todas as forzas políticas de Galicia”.
REUNIÓN COA VICEPRESIDENTA CUARTA
Con ese mesmo ánimo, o tamén voceiro parlamentario do PSdeG acudirá esta semana a Madrid para manter unha xuntanza coa vicepresidenta cuarta, Teresa Ribera, responsable de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
“A cogobernanza que defendemos é para buscar solucións para os galegos, tanto co goberno de España como coa Xunta”, incidiu, e avanzou que abordará con Teresa Ribera as cuestións relacionadas coa demografía e a despoboación, o medioambiente e a industria e a transición ecolóxica.
“PRUDENCIA”
Finalmente, o líder socialista aproveitou a súa comparecencia ante os medios para chamar á “prudencia” e á “responsabilidade colectiva” ante a relaxación das restricións fronte á covid.
“As semanas que temos por diante son a proba de fogo para testar se somos capaces de conter o virus”, subliñou, ao tempo que indicou que “se non se disparan os contaxios” entre esta ponte e a Semana Santa “teremos unha primavera e un verán con máis garantías”.
Por tanto, apelou a “non baixar a garda” e pediu á Xunta “non repetir erros do pasado”, como a estratexia Salvar o Nadal, porque unha cuarta onda sería “o peor escenario” tanto para a saúde como para a reactivación da nosa economía.
Ademais, Gonzalo Caballero reclamou que “se usen as vacinas segundo vaian chegando”, con “eficacia e transparencia”, posto que a inmunización é fundamental na loita contra o virus.