O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Egatel xunto co conselleiro delegado desta empresa de telecomunicacións, Francisco Valdés, e parte da súa directiva, dende onde puxo en valor a importancia de contar en Galicia con compañías “de alto compoñente tecnolóxico”.
Nas instalacións da empresa, no polígono de San Cibrao das Viñas, o líder dos socialistas galegos destacou o feito de contar en Galicia con industrias deste tipo.
Ademais, Gonzalo Caballero subliñou a importancia de desenvolver proxectos que poidan captar fondos do programa europeo Next Generation para traballar na liña da dixitalización e a modernización de Galicia.
“Galicia ten que estar á vangarda do emprendemento, do futuro, da tecnoloxía”, recalcou o máximo dirixente do PSdeG trala xuntanza coa directiva de Egatel.
Na visita participaron tamén as parlamentarias Marina Ortega e Carmen Rodríguez Dacosta, o parlamentario Juan Carlos Francisco e o voceiro socialista en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino.