A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou hoxe o “incumprimento flagrante” por parte da Xunta dos obxectivos marcados hai 10 anos no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia. A responsable socialista presentou unha serie de iniciativas parlamentarias neste sentido logo dun encontro co Comité de Empresa da planta de residuos de Lousame, na que tamén participou a parlamentaria Noa Díaz.
A responsable socialista afeoulle ao goberno galego que veña de actualizar o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia –PXRUG-, o pasado mes de decembro, sen explicar o fracaso rotundo dos obxectivos marcados para o Plan orixinal, que se remonta a xaneiro de 2011. Lembra que a previsión para esta etapa era destinar 245.261 toneladas para reciclado e reutilización, pero a cantidade efectiva é de 46.095, moi lonxe do obxectivo previsdto.
O Plan queda moi lonxe tamén dos obxectivos marcados no esquema de desenvolvemento temporal, que fixaba unha fase de inicio 2010 – 2013, a primeira e segunda fases de consolidación, 2014 – 2017 e 2018 – 2020, e unha fase final de avaliación durante os anos 2021 e 2022.
Por iso esíxelle ao goberno galego que explique por que incumpriu tan claramente os obxectivos do PXRUG, presente o informe de conclusións que tiña que ter elaborado en 202, e que sinale as posibles sancións por parte do Estado e a UE por este incumprimento. Ademais, reclámalle ao goberno que informe sobre as medidas que vai adoptar para cumprir coas esixencias marcadas pola UE en materia de xestión de residuos orgánicos.
11 novas plantas de compostaxe
Finalmente, os socialistas galegos esíxenlle á Xunta que xustifique onde destinou o investimento que tiña previsto para a construción de máis de 11 novas plantas de compostaxe de Fracción Orgánica de Residuos Sólidos Urbanos –Forsu-, das que “non levou a cabo nin a primeira”.