A voceira de Agricultura do Grupo Socialista considera que existen opcións máis sinxelas, administrativa e economicamente, para acadar a ordenación do monte
Rodríguez Dacosta vén de criticar o veto da Xunta ao acceso ás axudas a milleiros de pequenos propietarios do monte galego. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Agricultura do Parlamento, cunha pregunta formalizada á Dirección Xeral.
“Nun escenario socioeconómico de devaluación e perda de valor das terras onde xa bastante sacrificio supón manter limpas as franxas que están mais preto dos núcleos habitados, como para por riba cargar aos pequenos propietarios con gravames de este tipo”, sentenciou a socialista.
Neste senso, censurou que Medio Rural esixa aos propietarios de menos de 15 hectáreas un instrumento de ordenación forestal “cando existen opcións máis sinxelas, administrativa e economicamente”, para acadar a ordenación do monte, como a adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos, regulados na propia lei, xa que estes son gratuítos para os propietarios.
Dita obrigatoriedade, incluída na Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (que a súa vez modificou a Lei 7/2012 de montes de Galicia), suporá que milleiros de propietarios quedan fóra das convocatorias de subvencións e tampouco podan optar a vender a madeira procedente deses montes.
EN DESACORDO “COA FORMA E CO FONDO” DA LEI
“Non estamos de acordo nin na forma nin no fondo da obrigatoriedade”, aseverou a socialista, quen lamentou que a norma fose aprobada de xeito “express” para gravar aos habitantes do rural, “na súa maior parte pensionistas ou perceptores de salarios que están entre os máis baixos do estado”.
Así, criticou a “opacidade do proceso” nun asunto que, pola cantidade de persoas afectadas, “debería ter un tratamento máis directo e de ampla difusión”.
Ademais, asegurou que esta carga non servirá para acadar o fin da norma, que é a ordenación completa do monte, dada a “dificultade de localizar algúns propietarios”, así como polo “alto custe que a medida supón para as persoas afectadas, o que derivará nun alto índice de incumprimentos”.
Neste senso, a responsable socialista lamentou que a administración “perde a oportunidade” de buscar a implementación que a propia lei deixa aberta no seu artigo 77.7 cando aduce que se pode “planificar a xestión dos montes a través da súa adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos, segundo especies ou formacións forestais contempladas no artigo 76.6”.
Finalmente, Rodríguez Dacosta urxiu á Xunta a arranxar esta “gran problemática” dado que afecta a multitude de propietarios. Así, lembrou que o 60% do monte galego é de propietarios particulares, terreos de pequena extensión e “cunha media de 1,7 hectáreas”.