A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe ao PP de agochar a situación económica real da Xunta “entorpecendo” o traballo do ente fiscalizador. Rodríguez Rumbo denunciou no Parlamento a “anomalía” de forzar dous debates anuais nos que concentran 18 informes de fiscalización para “desvirtuar a creación e finalidade última do Consello de Contas”.
Así o dixo na sesión da Comisión do Consello de Contas convocada hoxe precisamente para debater dunha sentada a Memoria de actividades de 2019 e os informes de fiscalización do sector público, que conteñen a fiscalización da Conta Xeral de 2018, así como o Plan de Traballo de 2021. Criticou “falla de transparencia” cuns documentos nos que Contas sinala precisamente que “non se apreciaron melloras salientables” por parte da Xunta con respecto aos informes previos.
A responsable socialista denunciou que esta situación “impide coñecer a situación económica real da Xunta, así como a integridade e a fiabilidade das contas presentadas” evitando o “debate debullado de temas con moita transcendencia”, como o de hoxe. Alertou así de que Feijóo case triplicara o endebedamento autonómico, pasando de 4.859 millóns en 2009 a 11.342 en 2018, disparando a débeda por habitante, pasando de 1.737 euros en 2009 a 4.198 en 2018.
O goberno galego, engade, continúa sen achegarlle a Contas unha información máis ampla que facilite o seguimento e análise deste endebedamento. Ao mesmo tempo continúa coa súa práctica de desprazamento de gasto, con 98 millóns de euros en facturas “metidas nun caixón” e sen contabilizar correspondentes a 2018, e con 74,4 millóns de servizos e axudas concedidas e xustificadas en 2018 pero desprazadas ao ano seguinte.
Sinalou que “ao PP favorécelle este escurantismo e non lle interesa o debate debullado, porque os informes poñen de manifesto claramente a falla de transparencia e de rigor orzamentario da Xunta de Galicia, así como o incumprimento ano tras ano das recomendacións feitas polo órgano”.
Resumiu que “ao goberno galego lle importan un pito as recomendacións do Consello de Contas, e non pensa cumprilas porque non ten ningunha consecuencia”. Advertiu así que 10 anos despois, o goberno segue sen contar cun Rexistro de entidades, segue sen adaptar o seu Plan de contabilidade ao Plan Xeral aprobado en 2010 e segue sen cumprir coa demanda dunha axeitada planificación orzamentaria.