A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar unha “atención integral para garantir un servizo sanitario digno no Concello de Cerdedo – Cotobade”. A responsable socialista urxe á Xunta a tomar medidas para cubrir as baixas de médicos e enfermeiros, recuperar servizos perdidos como pediatra ou matrona e acondicionando os centros de saúde.
En primeiro lugar, os socialistas galegos reclaman unha sala de agarda digna no Centro de Saúde de Carballedo, que actualmente non conta con este espazo, obrigando aos pacientes a agardar na entrada do local, sentados nun banco para dúas persoas ou nos vehículos propios. Sinala que esta situación “é insostible, denigrante, e atenta contra os dereitos dos e das pacientes”.
A responsable socialista tamén reclamou o restablecemento do pediatra neste centro, xa que a supresión desta figura ten obrigado aos menores a desprazarse ata Forcarei ou ao Centro de Saúde de Tenorio, que pola súa banda tan só conta cun único médico que “se ve superado pola elevada afluencia de pacientes, o que provoca unha indesexable lista de agarda”. Ademais, a pediatra atende 3 mañás á semana e a matrona unicamente atende os xoves.
O terceiro centro do concello, o PAC de Cerdedo, só ten un facultativo, que ademais para cumprir co seu dereito ás horas sindicais ve como os veciños e veciñas teñen que ser cubertos por outro facultativo. Castro lembra que o Grupo Socialista vén de reclamar dende fai tempo unha ambulancia para este PAC, nun concello que conta con 3 médicos e só unha enfermeira para o servizo de atención 24 horas.
O Grupo Socialista reclama así polo tanto unha sala de agarda digna para o Centro de Saúde de Carballedo, así como o restablecemento do pediatra. Tamén reclaman o incremento do número de profesionais sanitarios no Centro de Saúde de Tenorio e no PAC de Cerdedo, co fin de que “poidan garantir unha atención sanitaria de calidade”.