A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista para pedirlle á Xunta que declara o Castro Lupario e o seu conxunto patrimonial como Ben de Interese Cultural. A responsable socialista presentara esta iniciativa na Comisión de Cultura do Parlamento para acadar a “máxima protección” do entorno arqueolóxico do Concello de Rois.
Díaz sinalou que co voto en contra a esta proposta, o PP desminte á directora xeral de Patrimonio Cultural, que en novembro comprometía a incoación do expediente BIC para o Castro, incluído nos 18 conxuntos para os que a Xunta comprometera esta declaración no ano 2009. A responsable socialista sinalou o risco que pende sobre este cpatrimonio pola construción da liña de alta tensión Lousame – Tibo, e que sinala o propio Consello da Cultura Galega.
O dito órgano ten emitido un informe no que recomenda extremar a protección sobre este conxunto, “que é testemuña viva da nosa historia xa dende a Idade de Ferro”. O grupo arquitectónico está integrado polo Castro Lupario, a aldea de Angueira de Castro e o pazo do mesmo nome ou o pazo do Faramello, que alberga a primeira fábrica de papel a partir de tecidos dos peregrinos.
Tamén sinala o núcleo de Francos, a Ponte Paradela, a carballeira de Francos e varios petróglifos que adornan o conxunto enriquecido polo trazado do Camiño Portugués de Santiago, que percorre a zona. Reclamou así a máxima protección para “asegurar a súa conservación e que as próximas xeracións poidan gozar deste patrimonio excepcional”.