A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á Xunta que garanta lectores oculares para os 229 galegos e galegas diagnosticados de Esclerose Lateral Amiotrófica –ELA-. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para pedirlle á Xunta que cumpra coa obriga de facilitar uns dispositivos imprescindibles para a comunicación destes doentes que “non poden agardar un só día máis”.
Ortega lembrou que o goberno galego acumula xa un retraso de un ano para dispoñer destes lectores oculares dende a súa incorporación á carteira de servizos do SNS, cando permitiron que o facultativo correspondente prescribira os dispositivos. Explicou que os doentes de ELA precisan dos lectores para comunicarse tal e como os doentes que non poden desprazarse dispoñen dunha cadeira de rodas.
A responsable socialista lembra que a orde coa nova prestación entrou en vigor o 1 de xullo de 2019 dando un prazo de seis meses ás comunidades autónomas para adaptar as carteiras de servizos ao disposto pola Orde do goberno. Explicou que “en Galicia aínda non está resolto”, co que xa acumula un ano de retraso dende que tiña que incorporalas á carteira de servizos.
Instou á Xunta a que “de non ser posible de xeito inmediato a actualización da carteira de servizos, o goberno que está na Xunta debera habilitar unha partida concreta para a adquisición destes dispositivos ben directamente ou ben a través da Asociación de doentes de Galicia Agaela”.
O custe dos equipos -que constan de lectores oculares, brazos articulados e tablets- resulta viable para a administración autonómica, e que ademais poden ser reutilizados por outros enfermos. Sinalou que o goberno galego debe facilitar estes dispositivos fundamentais para que os enfermos de ELA se comuniquen co entorno tal e como dispón tamén de cadeiras de rodas para os enfermos que as precisan.