O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe ao goberno galego que retire o Plan Forestal para presentar un novo documento “serio e rigoroso”. Respondeu así á proposta de transacción única presentada polo PP no Pleno do Parlamento para suspender as novas plantacións de eucaliptos onde non se tiveran plantado ata o momento, que cualificou de “ocorrencia” e “chalaneo”.
Seco reclamou a retirada do documento, que foi debatido entre onte e hoxe na Cámara autonómica, para volver ao consenso do ano 2018, que prevía unha planificación forestal imprescindible para dous terzos do territorio e que foi incumprido polo goberno galego. Advertiu que “o noso rural non está para ocorrencias”, como cualificou á proposta de suspensión “en cinco minutos, sen explicación técnica nin encaixe no desenrolo do plan”.
Explicou que a medida, tal e como foi proposta polo goberno galego, supón “premiar ao que incumpriu a Lei plantando eucalipto onde non se podía –porque poderá seguir plantando- e castiga aos que non plantaron cumprindo a Lei –porque xa non poderán plantar máis-”. Acusou á Consellería de facer do plan “unha feira” e “un episodio máis no delirio da Consellería do escaparate do rural”.
O responsable socialista cuestionou que “cambien a posición por unha ocorrencia para dicir que van facer agora o que non foron quen de desenvolver durante 30 anos, e todo iso sen instrumentos para levalo a cabo”. Advertiu que o Plan é “indefendible” e adoece de “problemas na falla de diagnose, de planificación, de participación, de transparencia, de rigor técnico na elaboración do plan e no seu orzamento”.
Engadiu que “é un documento dunha calidade deficiente, que non analiza a situación do noso monte, que non da solución aos problemas nin planifica o futuro”, e que foi elaborado facendo caso omiso dos colexios oficiais de Enxeñeiros, organizacións ecoloxistas ou gandeiros e agricultores. En realidade, dixo, o goberno quere aprobar este documento para garantir “o reparto de fondos, sinaladamente europeos” e garantir apoio orzamentario.
Proposta de Resolución
Os socialistas galegos presentaron unha serie de propostas de Resolución, ademais da contraproposta de transacción conxunta para a retirada do plan, para garantir que cumpran coa legalidade, adaptando o texto ao novo marco xurídico vixente en Galicia en virtude da nova Lei de Ordenación do Territorio de Galicia.
Martín Seco reclamou ademais un novo procedemento de avaliación ambiental estratéxica, adaptar o período de vixencia, execución e programación derivado dos retrasos reiterados na tramitación do Plan, adaptar a senda orzamentaria aos tempos da Consellería do Medio Rural e que “opten ou ben pola inclusión do rol da Axencia Galega da Industria Forestal ou directamente a súa supresión”.