O secretario xeral critica a “cara dura” do PP ao pedir rebaixas na AP-9 ao goberno e España sen poñer nin un euro logo de que Aznar prorrogara a concesión ata 2048
Amosa o seu compromiso con Noia defendendo un centro de saúde e un centro de día “á altura dos momentos que vivimos” e o desdobramento da autovía a Santiago
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Noia para manter unha xuntanza de traballo co voceiro socialista na vila, Roberto Iglesias, e o secretario local do PSOE, Miguel Paz.
Ante os medios de comunicación, o líder dos socialistas galegos salientou que a sentenza da Audiencia sobre o Pazo de Meirás confirma a titularidade pública do inmoble, o cal é o máis importante.
Ademais, pediu ser “rigorosos e estritos” na execución da citada sentencia sobre o Pazo de Meirás, xa que “hai que evitar que os Franco poidan facer caixa”.
“A miña posición como cidadán é moi clara: non deberiamos indemnizar ni cun só euro á familia Franco, pero estamos nun estado de dereito e hai que cumprir as sentenzas”, sinalou o responsable socialista. Ademais, pediu ao goberno de España “que busque as fórmulas xurídicas viables para que evitar a indemnización ou, de habela, esta sexa a mínima posible”.
Nesta liña, subliñou que, “se non se pode facer recurso” porque “ten moita complicación e non ten posibilidades de prosperar”, “hai que ser moi esixentes na execución da sentenza, porque para que algo se poida indemnizar ten que estar documentado e existir factura”.
Por último, Caballero reivindicou o compromiso coa memoria democrática e coa memoria histórica do goberno de España que, ademais de “recuperar o Pazo de Meirás para o público”, retirou os restos do ditador do Val dos Caídos.
“Ninguén pode dubidar do compromiso do goberno de Pedro Sánchez fronte ao franquismo”, recalcou o líder dos socialistas galegos.
AP-9
Doutra banda, Caballero cualificou de “cara dura de espanto” a que amosa o PP ao “plantexar propostas” sobre as rebaixas da AP-9 ao goberno de España. Amosouse “estupefacto” ante a proposta de Feijóo, a quen instou a “levar ao Consello da Xunta un proxecto de bonificacións para rebaixar as peaxes” con fondos autonómicos.
“Non podemos crer que este Feijóo, que foi cómplice de Aznar para prorrogar as peaxes da AP-9 ata 2048, que foi cómplice de Rajoy para que non houbese traspaso da autoestrada a Galicia e que non puxo un só euro para a rebaixa, se atreva a dicir algo da AP-9 que non sexa pedir desculpas pola estafa e o espolio que o PP marcou coa súa xestión”, sentenciou, logo de recordar que o PP votou en contra dos Orzamentos Xerais do Estado que inclúen as bonificacións.
Nesta liña, subliñou que “non hai ningún galego que poida crer a Feijóo sobre a AP-9”, cando “o goberno de España pon 63 millóns de euros” para rebaixar e bonificar as peaxes e “Feijóo, cero”.
“COMPROMETIDOS CON NOIA”
O máximo dirixente dos socialistas galegos acudiu a Noia para amosar o seu compromiso co Concello e pór en valor as iniciativas que o PSdeG levou ao Parlamento de Galicia, o que supón “unha axenda de traballo vinculada aos intereses dos veciños e veciñas de Noia”.
Así, Caballero instou a apostar por un centro de saúde e por un centro de día “á altura dos momentos que vivimos nesta crise”, así como por unha “autovía de primeiro nivel” que mellore a conexión entre Noia, Brión e Santiago.
Ademais, urxiu a impulsar o sector marisqueiro e a depuración das augas, “cun plantexamento de sostenibilidade que permita acadar un equilibrio entre medio ambiente e prosperidade económica”.
Pola súa banda, o voceiro socialista no Concello de Noia, Roberto Iglesias, criticou a “inacción” da Xunta de Galicia co municipio cando “publicita por quinta ou sexta vez a construción dun centro de saúde”, pero non o executa.
Ao mesmo tempo, censurou que o goberno local do PP “anunciou tamén a construción dunha nova depuradora, pero tampouco se levou a cabo”. Así, instou, tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Noia, a “que se materialicen” os proxectos polo ben do municipio e da súa veciñanza.