Denuncia que a comisión de reactivación está “paralizada”, que os proxectos de financiamento europeos están “nun caixón” da Xunta e que o goberno galego non publicou aínda as novas axudas aos negocios pechados
Censura a “indoenza e falla de empatía” da conselleira de Política Social que encomiou a situación nas residencias, e considera a vacinación da conselleira delegada de DomusVi unha “falla de ética, de estética e de respecto aos galegos e ás galegas”
Santiago, 8 de febreiro de 2021. O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que “é a hora de ter un gran acordo” e de que o presidente da Xunta “convoque a unha xuntanza aos líderes dos partidos políticos con representación parlamentaria”. O obxectivo, sinalou, é acordar “un plan de reactivación económica e de prioridade de fondos europeos para fortalecer o benestar dos galegos e galegas ante unha crise de tal profundidade” como a provocada polo coronavirus.
O líder dos socialistas galegos responsabilizou hoxe ao presidente da Xunta de que o PP teña “paralizada” a Comisión de Reactivación económica, que fracasou na obriga de ter pechado as conclusións a comezos deste ano, “como pactaran PP e BNG”. Sinalou que “é hora de que Feijóo se involucre directamente” para “impulsar un gran acordo fronte á crise”, logo de que o PP se negara ata o momento a activar os contidos e os acordos da dita Comisión.
Acusou ao presidente da Xunta de facer “papel mollado” dos 108 proxectos de financiamento que ían aspirar aos fondos de recuperación da UE, uns proxectos que deberían ser “de referencia” e que “deberan ter acordo e consenso previo”.
Alertou de que estes proxectos “non van ter xanela única” senón que se trata dun “conxunto de convocatorias en diferentes áreas” polo que o goberno galego ten que ter traballados os proxectos para poder aspirar ás axudas con posibilidades certas.
Na mesma liña, lembrou que o goberno galego segue sen ter publicado no DOG as novas axudas a autónomos, pemes e aos negocios que pecharon polas restricións, por moito que os teñan anunciado nos medios de comunicación.
POLÍTICA SOCIAL
O secretario xeral do PSdeG criticou hoxe á conselleira de Política Social por presentarse “indoente, sen empatía nin sensibilidade” ao defender a segundo ela “gran xestión” das residencias, pero esquecendo que o maior número de falecidos nas tres ondas da covid se ten producido nas residencias. Sinalou que o triunfalismo da conselleira contrasta coa realidade de que aínda na semana pasada o 20 por cento das residencias de Galicia tiñan rexistrado contaxios.
Ao mesmo tempo, engadiu, “abandonan a defensa dos maiores” ao negarse a financiar o incremento de horas para o servizo de axuda no fogar, a verdadeira alternativa para aqueles que prefiren desenvolver unha vellez digna nas súas casas en lugar de trasladarse ás residencias. O goberno galego anunciou un aumento das horas de axuda no fogar pero non aumentou os seus orzamentos nin eximiu aos usuarios do copago, como pedían os socialistas.
Engadiu que “resulta aínda máis grave que -a Xunta- se negue a pedirlle explicacións á conselleira delegada de DomusVi” logo de terse descuberto que ela e o seu irmán xa teñen recibido as dúas vacinas contra o coronavirus. Resumiu que esta vacina “cando seguen a falecer tantas persoas en Galicia” resulta “unha falla de ética, de estética e de respecto aos galegos e galegas”.
Gonzalo Caballero explicou que a responsable de DomusVi é “alguén que ten moita complicidade co PP”, e mantén un “imperio xeriátrico” no que ata a data “faleceron máis de 2.600 maiores en toda España”.