O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, denuncia que “co persoal que temos, non existe posibilidade material” de que se cumpra o prazo de vacinación dado por Feijóo e reclama máis contratacións
O secretario xeral chama a “un gran acordo de todas as forzas” para negociar con Audasa que a bonificación das peaxes da AP-9 se manteña ata 2048 e pregunta á Xunta se tamén está “disposta a contribuír”
Santiago, 5 de febreiro de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, subliñou hoxe que Feijóo ten que comparecer no Parlamento para “rectificar” a posición de “complicidade” que amosou coa vacinación irregular da conselleira delegada de Domus VI, “un imperio xeriátrico no que faleceron máis de 2.500 persoas” por mor da covid.
“A credibilidade de Feijóo está tocada”, advertiu Gonzalo Caballero, consciente de que o dereito a ser vacinado “non vén dado pola capacidade adquisitiva” de ninguén, senón que o propio estado do benestar ten que ser o que garanta “a igualdade de todos”. “E por iso hai que ser moi contundentes fronte ás irregularidades no proceso de vacinación”, recalcou.
Así é que, fronte á “falla de ética e de estética” que supón a vacinación da conselleira delegada de Domus VI, o líder do PSdeG instou a Feijóo a “rexeitar” ese feito, ao igual que a vacinación da alcaldesa do PP en Boimorto. Ademais, engadiu, quedan “irregularidades” por aclarar na vacinación de 200 persoas en Pontevedra.
“Non se poden usar os mecanismos do poder para vacinarse cando aínda non está inmunizado o persoal sanitario e de servizos sociais que traballan na primeira liña contra o coronavirus”, enfatizou Gonzalo Caballero, e chamou a reforzar os equipos dedicados á vacinación, así como o sistema sanitario en xeral, para vencer esta terceira onda da covid.
Consciente de que hoxe hai en Galicia 248 persoas en UCI e da saturación do persoal sanitario, o responsable do PSdeG incidiu en que “a Xunta ten que actuar fortalecendo a sanidade pública” dando resposta ás necesidades asistenciais e atendendo tamén “a chamada de auxilio” que están facendo os nosos sanitarios.
Ao respecto, o voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou que o goberno galego estea ofrecendo deliberadamente “información confusa” para “tentar agochar a gravidade da situación” tanto no que atinxe á saturación dos hospitais e, nomeadamente, das UCI, como no relativo aos procesos de vacinación.
“A nosa lealdade co goberno galego para xestionar a pandemia non é complicidade ante as falacias”, evidenciou Torrado. De feito, tachou de “mentira” a afirmación de Feijóo de que as UCI están ocupadas ao 30%, cando están “practicamente cheas”, e sinalou que, nalgúns casos, están traballando nelas incluso profesionais non específicos desta área.
Así pois, levará esta cuestión ao pleno do Parlamento da próxima semana, xunto coa urxencia de aumentar as contratacións para facer fronte aos procesos de vacinación. Sobre todo, como sinalou, logo da “barrabasada” dita por Feijóo de que garantía a vacinación total de Galicia en “oito ou dez semanas”.
“Co persoal que temos, non existe posibilidade material de facelo”, asegurou o parlamentario socialista, esgrimindo o cálculo de que é inviable inmunizar a 38.500 persoas ao día con 200 enfermeiras e enfermeiros. “Serían 192 persoas ao día cada enfermeiro ou enfermeira para un proceso que leva dez minutos: farían falla 32 horas no día”, resumiu.
AP-9
En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG recordou que o Congreso aprobou esta semana a toma en consideración da proposición de lei para a transferencia da AP-9 a Galicia tralos “vetos” a debater esta normativa durante a etapa de Mariano Rajoy á fronte do goberno de España.
Ademais, Gonzalo Caballero puxo en valor as bonificacións das peaxes por 63 millóns de euros que o executivo presidido por Pedro Sánchez introduciu nos Orzamentos Xerais do Estado en contraposición coa decisión de Aznar de prorrogar a concesión da AP-9 ata 2048.
“O goberno progresista está dando saltos cualitativos na rebaixa das peaxes e na transferencia da autoestrada”, destacou o líder socialista, quen apelou a “un gran acordo de todas as forzas” para que “se manteñan” esas bonificacións ata o fin da concesión.
E, tras sinalar que a rebaixa nas peaxes farase efectiva no primeiro semestre, “en xuño ou, se pode ser, en maio ou abril”, recordou que outras comunidades aprobaron bonificacións en autoestradas de titularidade estatal. “A Xunta está disposta a contribuír tamén?”, inquiriu.