Julio Torrado critica a “desatención” e a “falla de actuación” do goberno galego, que leva anos sen dragar a zona e non coordina cos mariscadores os baleirados do encoro de Portodemouros
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de instar á Xunta de Galicia a “non deixar morrer” o marisqueo da ameixa e do berberecho nos Lombos do Ulla, xa que as mariscadoras e mariscadores “levan 4 meses na casa sen poder traballar”. Fíxoo, hoxe, a través dunha pregunta ao goberno galego na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento.
Torrado criticou a “desatención” e a “falla de actuación” do goberno galego na zona ante uns datos que sinalan que a produción destes moluscos “baixa ano tras ano”. Neste senso, sinalou que “varios problemas” ante os que a Xunta mantén a súa “inacción”.
“A construción dalgunhas pontes para a alta velocidade ou estradas ten cambiado as correntes”, o que provoca que “a area non circule ben e se acumule” nos Lombos do Ulla, destacou Torrado. Así, lembrou que “antes había canais de varios metros de ancho que agora non existen”, xa que “a auga só circula por enriba”, o que “xera un problema grave” que “impide que os moluscos crezan e poidan ser aproveitados”.
Ante esta problemática, lamentou o posicionamento da Xunta, que “leva sen facer un dragado real na zona moitos anos, e non son nin dous nin tres”. Así, subliñou que “sen intervención real, ás veces hai problemas de contaminación”.
Doutra banda, sinalou que na contorna existe un problema coa salinidade das augas, “que a Consellería achaca ás choivas, pero en realidade hai un problema tabú sobre o encoro de Portodemouros, que non informa, como así o fan outros encoros, cando realiza os seus baleirados de auga” e, cando isto ocorre, os moluscos “morren” coa auga doce.
Nesta liña, criticou que a directora xeral negase, durante a celebración da comisión, que a Xunta abrise recentemente o encoro, “cando sabemos polas mariscadoras e mariscadores que nos recentes días foi baleirado”.
Así, sinalou que “malia que entendemos que imprescindible baleirar o encoro cando a súa capacidade chega a uns niveis determinados, cremos que é fundamental que esta acción poida planificarse e coordinarse cos traballadores do marisqueo para evitar danar a súa actividade laboral”.
“A XUNTA NIN ESTÁ NIN SE LLE ESPERA”
“A Xunta nin está nin se lle espera”, sentenciou o deputado, quen lembrou os “11 millóns de euros prometidos” polo ex conselleiro de Infraestruturas Agustín Hernández para realizar o saneamento da ría, pero que “nunca chegaron”. Así, instou ao goberno galego a “actuar” porque “hai xente que leva 4 meses sen traballar e non hai ninguén que lle diga que pasa, nin que van facer” para cambiar a situación.
Por último, Torrado criticou que as “rocambolescas” axudas anunciadas por parte da Xunta para este sector non chegaron ás mariscadoras e mariscadores, xa que “como xa denunciamos nesta comisión, foron deseñadas para que non se puidesen pedir”. Neste contexto, o deputado socialista subliñou que estes traballadores están a vivir “agora mesmo” do “cese de actividade que promoveu a Seguridade Social do goberno de España”.