O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe á Xunta que realice un estudo sobre o cumprimento das obrigas de seguridade e mantemento da rede eléctrica por parte das concesionarias. Seco presentou esta proposición en Comisión logo dos apagamentos eléctricos sufridos na montaña de Lugo durante a borrasca Dora, entre os pasados 19 e 21 de decembro.
Seco lamentou o voto en contra desta iniciativa por parte do PP, que impediu que saíra adiante e eximiron así ao goberno de desenvolver un plan de acción para asegurar a operatividade da rede eléctrica no rural fronte ás condicións meteorolóxicas adversas. Criticou que “enchen a boca de defender o rural, pero o único que fan é prexudicar as condicións de vida nestes concellos, empeorando as condicións sanitarias, educativas e agora tamén de subministro eléctrico”.
O responsable socialista sinalou que, segundo o Ministerio de Industria, as condicións do subministro eléctrico é hoxe incluso peor que hai 5 anos, e iso que “en 2018 producíranse un 48 por cento máis de apagamentos, con especial incidencia no noso medio rural, onde se producen catro veces máis apagóns que no urbano”.
O parlamentario socialista fixo cómplice a PP e goberno galego dunha situación “inaceptable no século XXI”, con cortes de subministro de ata 3 días, desta volta nos concellos lugueses de Castroverde, Baleira, Samos, Baralla, O Corgo e Láncara. Sinalou que esta situación “debe ser investigada pola Xunta de Galicia, esixíndolle ás compañías titulares das redes de distribución o cumprimento da normativa vixente que esixe manter as redes en condicións adecuadas”.
Sinalou que a principal subministradora de enerxía é Naturgy, principal operadora en Galicia e que “lle leva sacado moito rendemento aos nosos recursos naturais” sen ningún tipo de corresponsabilidade. Advertiu que lonxe disto, a empresa “levou a cabo o peche da central térmica de Meirama, deslocalizou o servizo de atención telefónica fora de Galicia e está a ofrecer un servizo lamentable”.
Seco considera “imprescindible” que a Xunta “faga un esforzo por levar a cabo un bo traballo de inspección sobre o estado no que se atopa a infraestrutura eléctrica, esixíndolle ao operador unha correcta conservación e as melloras necesarias para ditas instalacións”. Explicou que “só fai falla saír á rúa para observar uns tendidos eléctricos propios do século pasado e a falla de limpeza da contorna, que multiplica as posibilidades de cortes eléctricos e mesmo de incendios”.