O secretario xeral solicita á Consellería de Sanidade un informe sobre a vacinación en Galicia no que se expliquen as irregularidades e se especifique os cargos do PP que foron vacinados xa fronte a covid
Santiago, 30 de xaneiro de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo hoxe selar “un gran acordo” en Galicia para enfrontar esta terceira onda da pandemia e combater tamén os seus efectos nos eidos social e económico. “Un gran acordo a favor dos galegos e das galegas”, sinalou.
Así o dixo logo de observar que a Xunta está “de brazos caídos tralo repunte de contaxios como consecuencia da estratexia Salvar o Nadal”, sen máis iniciativa que a de “tentar sacar coellos da chisteira con debates inútiles moi afastados do que necesitan os galegos e as galegas”, e de constatar que o nacionalismo segue dende outubro solicitando de forma continua un confinamento absoluto, cando en outono a situación foise controlando co estado de alarma. “Non hai que descartar ningunha medida en función da evolución da pandemia, pero sempre en función do criterio dos comités clínicos e as autoridades responsables”, engadiu.
“Temos que ser quen, entre todos, de artellar un gran acordo para fortalecer a atención sanitaria aos afectados e axilizar a vacinación e para desenvolver un programa económico que axude a pequenos negocios e empresas en dificultades por mor da pandemia”, reivindicou o líder socialista, consciente de que, xunto á curva dos contaxios, cómpre loitar tamén contra a curva da pobreza e da desigualdade social.
Neste contexto, Gonzalo Caballero lamentou que Feijóo non levara á reunión co presidente do goberno de España medidas para reforzar os servizos públicos ou para rescatar aos sectores afectados, senón “un falso debate sobre o estado de alarma que o PP nin sequera apoiou no Congreso”.
VACINACIÓN
Ademais, no que atinxe ao sistema de vacinación, o máximo responsable do PSdeG destacou que Galicia recibiu todas as doses para inmunizar aos residentes nas residencias de maiores, así como aos sanitarios e persoal que están en primeira liña contra a covid, de acordo aos protocolos. “Se houbera máis persoal sanitario de primeira liña teríamos, recibido xa máis vacinas, en todo caso, seguiremos recibindo”.
Por tanto, rexeitou a “deslealdade” de Feijóo ao “buscar a confrontación” co goberno de España confundindo coa orde establecida nos protocolos de vacinación, e nun momento no que a UE está presionando aos laboratorios para que cumpran os contratos de entrega das vacinas.
Ao fío disto, e logo de que Feijóo garantira que Galicia pode vacinar a 100.000 persoas nun día, Gonzalo Caballero reclamou ao Sergas un informe sobre a vacinación de covid no que se especifique cantas irregularidades foron detectadas e cantos cargos do PP están inmunizados xa para contrastar quen se saltaron o protocolo, como a alcaldesa de Boimorto.