A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, cualificou hoxe o proxecto de Lei de Museos como “absolutamente insuficiente”, por canto “carece de contido e clara vontade de regular normativamente os centros museísticos”. Díaz interveu no debate en Comisión do ditame desta Lei, que pasou o trámite a pesares do voto en contra dos socialistas galegos, e será debatida a continuación no Pleno do Parlamento.
O ditame aprobado hoxe incorpora 10 emendas das 59 presentadas polo Grupo Socialista, principalmente referidas a “erros, correccións de redacción ou apuntamentos no fondo insubstanciais”. Si que sen embargo incorpora unha emenda que recupera a referencia expresa ao recoñecemento do Museo do Pobo Galego como centro sintetizador de tódolos museos e coleccións públicas e privadas integradas no sistema galego de museos.
O goberno galego eliminara de forma incomprensible esta referencia expresa, tal e como figuraba no Decreto 111/1993, e tal e como o Museo do Pobo Galego reclamara de forma expresa. Sen embargo non quixeron reparar o “ninguneo” ao Consello da Cultura Galega, excluído desta norma ata o punto de que non asegura a súa presenza no Consello dos Museos de Galicia.
En definitiva, resumiu, a Lei “carece de contido e de clara vontade de regular normativamente os centros museísticos”, e mesmo en contra do que figura na exposición de motivos, “renuncia a incrementar a protección do patrimonio cultural do que está desenvolvido na Lei 5/2016”. Explica que a norma “non dá respostas a problemáticas actuais e parte dunha concepción caduca, antiga, da actividade museística”.
Sinalou que “aínda que estamos de acordo coa necesidade dunha Lei especificamente dedicada aos centros museísticos, este texto lexislativo tal e como está é absolutamente innecesario” e revela o “desinterese do goberno galego por regular este ámbito cultural esencial”. Ademais, demostra “certo descoñecemento da materia, poucas gañas de entender a súa evolución e dende logo a maneira que ten a sociedade de consumir este tipo de cultura”.
O proxecto de Lei, sinalou, evita incorporar “ningunha medida ou obriga por parte da Xunta” para o impulso, fomento ou apoio económico para os centros museísticos que non sexan da súa titularidade, deixa sen regular a xestión dos museos, a xestión documental ou o uso das TIC. Chegan ao punto de que “non admitiron incluír no obxecto da Lei a defensa e promoción do patrimonio museístico como garantía do dereito da cidadanía a acceder á cultura e á educación”.
Engade que “moito menos impulsa a promoción dos museos para facer deles verdadeiros elementos de difusión cultural e cohesión social”. Este texto, ademais, “carece de referencias á planificación do persoal dos museos e centros e a fixación das funcións de cada posto de traballo nas distintas áreas funcionais que contemplan”.