O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, acusou hoxe ao PP de utilizar a Lei de Acompañamento aos Orzamentos da Xunta para modificar nun só debate ata 25 leis cunha técnica que cualificou de “kafkiana, que xera inseguridade xurídica” e “non é ética nin estética”. Así o dixo no debate desta Lei, que foi aprobada hoxe co voto en contra dos socialistas galegos.
Francisco explicou que “esta norma é contraria á transparencia, á seguridade xurídica e á estabilidade, e amosa o retroceso democrático que está a ter o actual goberno da Xunta de Galicia”. Sinala que a técnica xurídica resulta “desaxustada e impropia”, coa que evitan debater sobre as modificacións lexislativas e obvian o informe do Consello Económico e Social que debera avalar estas alteracións.
Acusou ao PP de “usar e abusar” dun procedemento cuestionado pola doutrina xurídica, e co que dende o ano 2017 xa leva modificado 84 leis. Reclamoulle a tomar exemplo da decisión do goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, que renunciou a este sistema e apesares diso “aprobou 56 proxectos de Lei nesta Cámara entre 2005 e 2009”.
Este ano modificarán un total de 25 leis que regulan cuestións tan dispares como os tributos propios e cedidos, emprego público, medio ambiente e territorio, medio rural, infraestruturas e mobilidade, portos, emprego e igualdade, deporte, subvencións, transparencia e bo goberno, consumo e procedemento e organización administrativos.
Francisco criticou o modelo fiscal do PP, que “renuncia á fiscalidade propia ao tempo que esixe diñeiro do Estado a maiores”, e que provoca “un desprazamento gravísimo e clarísimo da carga fiscal sobre o IRPF, que incide sobre os traballadores e asalariados que son os que sosteñen o sistema”. Mentres, provocan un “aumento exponencial dos beneficios fiscais a favor das rendas máis altas”, evidenciando que o PP “lexisla para os que máis teñen”.
Explicou que nos últimos 10 anos os beneficios fiscais relacionadas co IRPF ascenderon a 220 millóns de euros, fronte aos 1.100 correspondentes ao Imposto de Sucesións e outros 668 millóns do imposto de Patrimonio, co que “favorecen claramente ás rendas altas en prexuízo das rendas do traballo”, como mostra dun modelo que “nada ten que ver coa progresividade” no que pague máis quen máis ten.
Emendas
A proposta aprobada hoxe incorpora 3 emendas e outras dúas transaccionadas do total de 38 presentadas polo Grupo Socialista. Entre elas figura a proposta para reducir ao 3 por cento o imposto de Transmisións e ao 0,5 por cento o de Actos Xurídicos Documentados nas transmisión de vivenda para as mulleres vítimas de violencia de xénero.
Esta iniciativa homologa as bonificacións ás mulleres vítimas de violencia de xénero coas que xa desfrutan os menores de 36 anos, as familias numerosas e as persoas con discapacidade, e serán do cen por cen no caso de vivendas en Zona Pouco Poboada.