A Comisión de Orzamentos do Parlamento aprobou hoxe a unha emenda socialista á Lei de Acompañamento, transaccionada co PP, para reducir ao 3 por cento o imposto de Transmisións e ao 0,5 por cento o de Actos Xurídicos Documentados nas transmisión de vivenda para as mulleres vítimas de violencia de xénero. As bonificacións serán do cen por cen no caso de vivendas en Zona Pouco Poboada.
O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, defendeu esta iniciativa finalmente aprobada e que homologa as bonificacións ás mulleres vítimas de violencia de xénero coas que xa desfrutan os menores de 36 anos, as familias numerosas e as persoas con discapacidade.
O responsable socialista defendeu no Parlamento as 38 emendas que o Grupo Socialista presentou a este proxecto de Lei, das que tan só foron aprobadas 3, ademais de dúas transaccións, incluíndo a xa sinalada no trámite en comisión da Lei de Acompañamento, que pasará a continuación ao seu debate final no Pleno do Parlamento.
Francisco criticou o modelo fiscal do PP, que “renuncia á fiscalidade propia ao tempo que esixe diñeiro do Estado a maiores”, e que provoca “un desprazamento gravísimo e clarísimo da carga fiscal sobre o IRPF, que incide sobre os traballadores e asalariados que son os que sosteñen o sistema”. Mentres, provocan un “aumento exponencial dos beneficios fiscais a favor das rendas máis altas”, evidenciando que o PP “lexisla para os que máis teñen”.
Explicou que nos últimos 10 anos os beneficios fiscais relacionadas co IRPF ascenderon a 220 millóns de euros, fronte aos 1.100 correspondentes ao Imposto de Sucesións e outros 668 millóns do imposto de Patrimonio, co que “favorecen claramente ás rendas altas en prexuízo das rendas do traballo”, como mostra dun modelo que “nada ten que ver coa progresividade” no que pague máis quen máis ten.
Técnica perniciosa
Juan Carlos Francisco criticou o “uso e abuso dunha técnica perniciosa”, ao empregar a Lei de Acompañamento para modificar “todo tipo de leis” dunha tacada, “evitando o debate profundo, serio e sosegado das leis modificadas no Parlamento”. Lembrou que o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño erradicara este tipo de prácticas, malia o que aprobou aínda así 56 leis ordinarias nunha soa Lexislatura.
Foi o Executivo de Feijóo quen recuperou a modificación de leis a través desta “técnica improvisada, exprés, que furta o debate público e social e impide a participación da cidadanía” para modificar ata 84 leis a través da Lei de Acompañamento dende 2017, 25 delas só na Lei de Orzamentos que foi debatida hoxe.
Esta práctica, dixo, consegue reformar as normas esquivando “informes fundamentais coma o do Consello Económico e Social”, aprobando leis “causando indefensión, inseguridade xurídica no conxunto dos cidadáns, que están abocados a ver como se modifica a normativa pola porta de atrás e sen referencia clara de por que se fai”.