Carmen Rodríguez Dacosta urxe ao goberno galego a negociación cos comuneiros para renovar a base do Concello de Muíños, xa que trala “importante inversión económica” feita pola Xunta neste espazo, o contrario sería “un absoluto dispendio”
A responsable de Gandaría do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de instar á Xunta ao restablecemento da base antiincendios do Xurés, situada no Concello de Muíños. Fíxoo a través dunha proposición non de Lei presentada hoxe na Comisión de Gandaría do Parlamento, que foi aprobada por unanimidade por todas as forzas políticas.
Rodríguez Dacosta lamentou que este verán, “en plena campaña de incendios nun espazo natural azoutado polas llamas, o Xurés quedase sen base antiincendios” ao caducar a concesión no ano 2017. Así, destacou que a comunidade de montes leva “tres intentos de negociación” coa Consellería de Medio Rural para a renovación da concesión do recinto, “sen ningún resultado” ata o de agora.
A responsable socialista subliñou a “importante inversión económica” feita pola Xunta neste espazo, o que supón que, de non renovarse o convenio, resultaría un “absoluto malgasto e dispendio de fondos públicos”, ademais dun “abandono expreso” por parte da Xunta a unha zona rural, que necesita dotacións e políticas públicas.
Nesta liña, lembrou que a Xunta dotou aos 8.000 metros do recinto de 5 edificacións diferentes para albergar ao persoal da base, emisoras de banda aérea e terrestre, así como un heliporto.
A socialista incidiu no “prexuízo” que supón para a loita contra incendios na provincia a prolongación desta situación e recalcou que, coa base pechada, o tempo de atención ante un incendio en fase incipiente “aumenta considerablemente” ata a chegada do primeiro medio aéreo, xa que “están obrigados a vir dende moi lonxe”, en alusión ás bases de Toén, Vilamaior ou Laza.
“Este é un dos exemplos máis manifestos do desleixo da Xunta cara ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que é reserva da biosfera”, sentenciou a socialista.
Por último, Rodríguez Dacosta lembrou que os incendios que asolaron o Xurés, tanto este ano como no pasado, foron “descomunais”, e os danos que provocaron “poñen sobre a mesa a necesidade de impulsar un plan especial de recuperación deste espazo”. Así, instou á Xunta a pór en valor a actividade gandeira e forestal e a tomar medidas contra o despoboamento na comarca da Baixa Limia.