A parlamentaria socialista Marina Ortega denunciou hoxe “o modelo político da Deputación de Ourense baseado no reparto discrecional de fondos”. A responsable socialista interveu na comparecencia do presidente da Deputación de Ourense na Comisión de Orzamentos do Parlamento para presentar as contas para o próximo ano, a quen lle esixiu que estableza os mesmos criterios obxectivos que no resto das deputacións.
Marina Ortega denunciou unha “estratexia de arbitrariedade de discrecionalidade no reparto de fondos” entre os distintos concellos, e censurou a “desproporcionalidade evidente” na xestión dun ente que, lembrou, “non existe para ser un entramado ao servizo do PP”.
Acusou ao PP de utilizar á Deputación para “castigar aos concellos onde non gobernan”, uns concellos que precisamente na pandemia están a sufrir a delegación de cada vez máis competencias da Xunta, que “convida para que paguen outros”. Reclamou por exemplo que o goberno galego incremente a cota que lle corresponde para manter o Servizo de Axuda ao Fogar e manteña a SAF extraordinaria posta en marcha na pandemia e “libere aos concellos desta carga”.
A parlamentaria socialista alertou da necesidade de fondos para a prestación de servizos sociais nos concellos, xa que mentres a Xunta reduce estas partidas, o Estado tranfírelle 1.100 millóns de euros extra ao goberno autonómico para facer fronte aos gastos da covid.
Paridoiro de Verín
Marina Ortega reclamou o apoio da Deputación para que o goberno galego pare coas represalias ao xefe do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín, a quen lle abriron un expediente un ano despois de que encabezara as protestas contra o peche do paridoiro no centro. Reclamoulle “coherencia” ao PP, que en Verín e na Deputación respaldan a este profesional ao que atacan dende a Xunta de Galicia.
A responsable socialista criticou a falla de apoio dos orzamentos da Xunta ao asentamento rural na provincia con maior caída demográfica malia ter unha “oferta incrible económica, turística e cultural, e cunha industria aínda por desenvolver”.