Julio Torrado esixe un pediatra a xornada completa e dous médicos de familia para os centros de saúde de Forcarei e Soutelo de Montes, así como dúas ambulancias para a comarca Deza-Tabeirós
Critica a incoherencia do PP: “É unha jetada como un piano votar a favor desta iniciativa no concello, pero chegar ao Parlamento e votar en contra”
O responsable de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de urxir á Xunta a dotación de persoal médico “suficiente” no Concello de Forcarei. Fíxoo hoxe a través da presentación dunha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade do Parlamento, que foi rexeitada polo PP.
Torrado denunciou “un problema asistencial” en Forcarei, que veu minorada a súa capacidade “en termos numéricos e obxectivos”, tendo en conta o “baixo número de profesionais” dos que dispón na actualidade, ao que se suma a “gran dispersión e predominancia do ámbito rural” do municipio.
Neste senso, o responsable socialista instou a restablecer o pediatra a xornada completa; cubrir a xubilación dun profesional médico no centro de saúde de Forcarei e restituír a segunda praza de médico no Centro de Saúde de Soutelo de Montes. Ademais, esixiu tamén a dotación de dúas ambulancias máis para os servizos de emerxencias da comarca Deza-Tabeiros, unha para o PAC de Silleda e outra para o PAC de Cerdedo.
Torrado criticou que dende o verán de 2019, o SERGAS decidiu “recortar o servizo de pediatría”, reducindo as horas de asistencia diarias e a atención a tres días por semana. Ademais, lamentou que, durante a pandemia, en xuño de 2020, o Centro de Saúde de Forcarei quedase “cun só doutor titular, trala xubilación dunha médica”, situación idéntica á que vive o Centro de Saúde de Soutelo do Montes dende o ano 2017.
Doutra banda, lamentou que a comarca de Deza Tabeiros “só dispoña dunha ambulancia para un territorio moi extenso”. Así, subliñou que a veciñanza “leva anos reclamando unha mellora nos servizos de emerxencia” que non se ve satisfeita por parte da Xunta.
Nesta liña, Torrado amosou a súa “sorpresa” con que o Pleno Municipal de Forcarei aprobase por “unanimidade”, incluíndo o voto favorable do PP local, a unha moción para solicitar á Xunta a “cubrir as necesidades que presenta a atención sanitaria do municipio”, fronte ao rexeitamento do PP no Parlamento, que vetou a iniciativa socialista. Así, subliñou, que “é unha jetada como un piano votar a favor desta iniciativa no concello, pero chegar ao Parlamento e votar en contra”.
ORZAMENTOS SANIDADE
En canto aos orzamentos da Xunta, Torrado criticou que non exista “previsión real” para resolver “un problema global da asistencia primaria”. Así, incidiu en que o programa de Atención Primaria crece nas contas da Xunta un 7,25%, fronte ao incremento global do orzamento que sube un 13,5%, o que presupón que “a sanidade non debe ser unha das prioridades” do goberno da Feijóo. Así, lembrou que as contas de Deporte suben un 29%, “4 veces o que sube a Atención Primaria”.
Torrado lamentou que “as políticas de recortes desenvolvidas polo goberno Feijóo na última década, están poñendo en risco a capacidade asistencial en plenitude de calidade, así como a equidade no acceso ao sistema galego de saúde” por parte da cidadanía. O socialista incidiu en que esta situación “aínda é máis crítica no rural”.