O secretario xeral advirte que a “descomposición política” de Ourense chega xa á Deputación e urxe a Feijóo a que “non deixe un día máis” sen permitir que goberne a lista máis votada
Rafael Rodríguez Villarino denuncia que a Xunta non é “xenerosa” con Ourense e urxe un goberno local que “apoie” á cidade como fai o executivo de Pedro Sánchez
Ourense, 2 de decembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe ao BNG a non cometer o “erro histórico” de rexeitar os orzamentos do Estado na votación de mañá no Congreso, consciente de que a estratexia de confrontación na que coinciden co PP e con Vox “non beneficia a Galicia”.
Nun contexto de crise como o actual, subliñou Gonzalo Caballero nunha visita a Ourense acompañado polo secretario provincial do PSdeG e os parlamentarios e deputados socialistas por esta circunscrición, “España necesita uns orzamentos” e os que presentou o goberno progresista son “os máis sociais da historia”.
“Suben as pensións e o soldo dos empregados públicos; dan máis becas en educación, máis dereitos de conciliación e apoios á maternidade e á paternidade; apostan polo I+D+i e polos sectores produtivos…”, enumerou o líder do PSdeG, ao tempo que recalcou que o aumento do gasto social é especialmente “positivo” para Galicia.
A maiores, afondou Gonzalo Caballero, invisten por cada galego “máis que por madrileño, valenciano, catalán ou andaluz”, cunha media de inversión de 308 euros por cada persoa de Galicia mentres que a media do Estado baixa ata os 258 euros.
“RESPONSABILIDADE”
Así, o máximo dirixente dos socialistas galegos desfixo as “mentiras” sobre que os orzamentos discriminan a Galicia e advertiu ao BNG de que o seu voto en contra no Congreso os levará á “irrelevancia política”.
“Queda claro que o compromiso con Galicia o poñemos os socialistas enriba da mesa do Consello de Ministros”, destacou, en referencia a compromisos históricos con Galicia como a chegada do AVE ou a rebaixa da AP-9.
Por tanto, o tamén voceiro socialista no Parlamento apelou á “responsabilidade” de todas as forzas políticas para apoiar unhas contas que son “necesarias” neste momento e dirixiuse particularmente ao BNG para requirirlle o voto favorable a uns orzamentos con “claro compromiso social”.
“A todos nos gustaría que os orzamentos tivesen moitas máis inversións, pero non se poden poñer as causas nacionalistas por riba dos intereses das persoas”, sinalou Gonzalo Caballero, para advertir ao BNG de que deixará de ter utilidade política se decide pegarse ás dereitas.
A XUNTA NON É “XENEROSA” CON OURENSE
Fronte ao escenario de inversións na cidade e na provincia por parte do goberno que lidera Pedro Sánchez, o secretario provincial do PSdeG en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, subliñou que a Xunta non está sendo precisamente “xenerosa” con este territorio.
Aludiu así á ausencia de compromiso cos centros de saúde do barrio do Vinteún ou de Mariñamansa, así como ao feito de que figuran inversións que levan anos nos orzamentos sen que cheguen a executarse. Por iso, apelou a cambiar o goberno local que “apoie” á cidade.
“DESCOMPOSICIÓN POLÍTICA” EN OURENSE
Ademais, o secretario xeral puxo o foco na “descomposición política” do concello de Ourense, pola cal a cidade “perde posicións” cun alcalde que está “atrincherado” xunto con dous concelleiros nunha situación que “non ten parangón en toda España”.
“Temos que corrixir esta situación”, recalcou Gonzalo Caballero, toda vez que o PSdeG “gañou as eleccións” na cidade e foi “o pacto da indignidade” concibido polo PP para manter a Deputación de Ourense o que situou a Jácome na alcaldía. “Nós seguimos tendendo a man a todos os que queiran superar o caos e a crise municipal”, incidiu.
Sobre todo, como dixo, porque “a descomposición política” chegou xa á Deputación, onde Baltar tivo que cesar ao seu vicepresidente tras ser declarado “tránsfuga” de Democracia Ourensana.
“O PP debe posibilitar un cambio na cidade e permitir que a lista máis votada afronte un novo tempo político cun goberno que tenderá a man a todos os sectores sociais e económicos de Ourense”, asegurou o máximo dirixente do PSdeG, quen urxiu a Feijóo a que “non deixe un día máis sen tomar cartas no asunto” e a que dea “unha firma técnica” para aprobar a moción de censura.
Ao respecto, Rafael Rodríguez Villarino subliñou que a esa moción só lle falta “unha firma do PP”. “O PP puxo a Jácome, despois abandonou a Jácome a agora non permite cambialo”, remachou.
“O noso obxectivo é dar un goberno a Ourense que teña un verdadeiro proxecto de cidade”, remarcou o responsable do PSdeG na provincia ourensana, para subliñar que é o momento de “tomar decisións”. É máis, deixou claro ao PP que está “debilitándose” a si mesmo namentres siga debilitando á terceira cidade de Galicia.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE.