A parlamentaria socialista Paloma Castro visitou hoxe o Concello de Cerdedo – Cotobade, onde anunciou que os socialistas galegos presentarán no Parlamento de Galicia os problemas de persoal sanitario que veñen de sufrir os veciños e veciñas da localidade dende hai máis de ano e medio.
A responsable socialista visitou o Centro de Saúde de Cerdedo xunto coa portavoz socialista no Concello, Lina Garrido, e o concelleiro Jose Pazos, onde constataron a demanda veciñal para que as autoridades sanitarias garantan a cobertura das ausencias dos profesionais do centro, que están a provocar que a atención aos veciños e veciñas “non sexa o eficiente que debera”.
Advertiu que o Sergas deixa sen cobertura as baixas por horas sindicais ás que ten dereito un dos médicos do Centro de Saúde, que pode deixar á localidade desatendida varios días nunha mesma semana. Reclamou sensibilidade do goberno galego para garantir a atención plena nun Centro de Saúde que atende a boa parte de poboación envellecida que require de tratamentos continuos que quedan desatendidos, sinaladamente no contexto da pandemia do coronavirus.