A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe ao goberno galego explicacións sobre o contaxio masivo por coronavirus nas residencias de maiores de Galicia, ás que se ven sumar hoxe a residencia Vila do Conde, de Gondomar. A responsable socialista reclámalle ao goberno galego que actúe “de inmediato” para implantar un protocolo de evacuación de positivos e reforzo de recursos nos centros residenciais e nos equipos de inspección.
A responsable socialista lembrou que o goberno galego conta coa competencia exclusiva na xestión das residencias, e cualificou de “intolerables” estes “contaxios abruptos e masivos” en determinadas residencias que requiren da “actuación inmediata” do goberno galego “extremando os protocolos baseados na prevención e impoñendo cortalumes onde xurdan os positivos”.
Advertiu que os protocolos de protección dos maiores “están fallando”, logo dos 67 residentes e 15 empregados da residencia de Gondomar infectados coñecidos hoxe, co que suman 89 residentes e 16 empregados positivos, segundo os medios de comunicación. En total, as residencias galegas contan 457 usuarios e 203 traballadores positivos por coronavirus, con 5 empregados na residencia San Salvador de Guntín, un interno da DomusVi de Monforte e un maior no CRAPD I de Vigo.
Lembrou que na sesión plenaria desta semana o propio PP negouse a apoiar unha proposta socialista para pedirlle á Xunta un plan específico de evacuación que habilite o traslado de positivos a un centro intermedio para persoas que non precisen de hospitalización e frear así a cadea de contaxio. Tamén esixían “incrementar de forma urxente e significativa o número de inspeccións aos centros de atención residencial para maiores”.