A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe ao vicepresidente da Xunta uns Orzamentos “que estean á altura do que necesitan os galegos e galegas”. Así o dixo na comparecencia do responsable de Presidencia para presentar as contas do seu departamento, que reduce as partidas destinadas aos concellos e destinar “cero euros” á Memoria Histórica.
A responsable socialista sinalou que “temos unha sociedade golpeada e maltreita que espera respostas e solucións” e reclamou uns orzamentos “nos que se fortaleza o Estado do Benestar, unhas contas máis sociais para non deixar a ninguén atrás”. Lamentou que polo contrario a Xunta cae na “vergoña” de “reducir a transferencia ás entidades locais nun 8,12 por cento”, precisamente “con toda a carga que están a asumir, con competencias que non lles son propias”.
Castro afeoulle ao conselleiro que sigan sen destinar “nin un euro para a recuperación da memoria democrática do noso país”. Cualificou de “engano” que o PP leve “meses falando da recuperación do Pazo de Meirás, da Casa Cornide e demais bens espoliados polos Franco”. Sinalou que a sentenza de Meirás “abriu un camiño que temos que continuar” porque “é imposible construír un futuro dende o silencio e o esquecemento do noso pasado”.
Os socialistas galegos reclamaron unha partida específica para “facer cumprir en Galicia a Lei de Memoria democrática” para “render homenaxe ás nosas vítimas, recuperar a nosa historia e seguir gañando dereitos en prol das persoas que sufriron a represión”.
Advertiu ademais a ausencia da rede de Puntos de Encontro Familiar de Galicia, que manteñen o mesmo número que hai 20 anos, o que “demostra que tras 11 anos de goberno seguen sen escoitar ás autoridades xudiciais, á Valedora do Pobo, aos colexios de avogados nin ás familias usuarias deses centros”.
Lembrou tamén a falla de esforzo do goberno galego para incrementar as dotacións de policía autonómica, por canto seguen sen cubrir 109 dun total de 500 prazas, o que supón o 21 por cento, cando o Goberno de España leva dende 2018 ofertando prazas logo do recorte de 12.000 efectivos polos gobernos de Rajoy.
Ademais, instou ao conselleiro a que “recupere o diálogo social” cos funcionarios públicos e “abra unha mesa de negociación” para derrogar a Lei galega de 2012 de medidas temporais en materia de emprego público. Dixo que “non pode ser que algo temporal dure 8 anos, e menos se restrinxe dereitos”, e criticou a “falla total de recoñecemento” que a partida para os funcionarios e funcionarias “non gañe peso despois do labor que están a facer nesta pandemia”.
Cinismo
Paloma Castro acusou ao presidente da Xunta de “sobordar os límites do cinismo” ao anunciar unha suba do 15 por cento do Orzamento, agochando deliberadamente que se debe aos fondos entregados polo Estado e a UE. Reclamoulle que “empecen por falar cos seus compañeiros do PP de Madrid para que deixen de obstaculizar os orzamentos xerais do Estado e que deixen de enfangar o debate político cun comportamento totalmente irresponsable”.