A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, alertou hoxe do “atentado patrimonial” que suporá o proxecto de ampliación da estrada de acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas, no Concello de Esgos. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que alertou dun proxecto que suporá a destrución de solo arqueolóxico e a tala de un cento de árbores.
Esta actuación, que ten o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio, vai contra os criterios da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e demostra que o goberno galego “só entende o turismo dende a óptica do cosmopaletismo”. Instou ao goberno galego a “darlle unha repensada” antes de executar un proxecto que provocará “danos irreversibles” no complexo arqueolóxico e natural.
Lamentou que o goberno galego e a Deputación de Ourense poñan en perigo o patrimonio cultural e natural galego co obxectivo de ampliar a estrada de acceso ao Mosteiro para permitir a circulación de autobuses de gran porte. Trátase, explicou, dunha “actuación innecesaria que afecta ao Patrimonio” co “obxectivo de provocar un turismo masivo que afectará negativamente á zona” e que polo momento puido ser paralizada pola intervención da veciñanza.
Compromiso roto
Lembrou que o propio presidente da Xunta comprometía de forma expresa, nunha visita ao mosteiro en 2017, a protección do entorno racionalizando as visitas, ata o momento en que a Deputación de Ourense presentou o seu proxecto.
Noa Díaz explica que o complexo rupestre, de 30 hectáreas, xustifica e argumenta a través da investigación científica, a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade”. Esta Declaración, lembra, esixe dunha escrupulosa protección e conservación da paisaxe, do medio e do seu patrimonio, que está en perigo polo proxecto da Deputación Provincial de Ourense.