A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta un Plan de Reactivación para as axencias de viaxes. Así o dixo logo de manter un encontro cos representantes do sector concentrados hoxe fronte ao Parlamento no que tamén estiveron presentes o portavoz do Grupo socialista, Gonzalo Caballero, e o deputado Martín Seco.
A responsable socialista criticou que o goberno galego teña excluído a estas empresas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid, con “accións que non aportaron nin unha mínima reactivación real. Gallego alertou das “funestas perspectivas” para os máis de 600 puntos de venta e máis de 12.000 profesionais en Galicia que ven como, co inicio de 2021, dúas de cada tres axencias de viaxes están en risco certo de peche.
Gallego reclamou axudas directas para as axencias de viaxes que recollan “medidas para facer fronte aos gastos fixos e á renovación dos seguros”, así como “plans reais de reactivación do sector” que incorporen bonos turísticos de estímulo da demanda. Lembrou o “fiasco” do bono solidario promovido polo Goberno galego, que estivo “mal exposto dende a súa presentación” e alleo á realidade das axencias de viaxes.