Precario, inestable e sen dereitos, así é o panorama laboral para a mocidade galega segundo constatou a portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta. A parlamentaria do PSdeG presentou unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta un plan de choque urxente para facilitar a inserción laboral dos mozos e mozas de Galicia, e que será votada mañá mércores.
A responsable socialista alertou de que Galicia sumou en só un ano 7.600 novos desempregados de menos de 35 anos, que se suman ao aumento de 17.400 mozos en situación de inactividade, co que a perda de poboación activa aumentou a 20.000 persoas en só 12 meses. En tan só un ano, dixo, os mozos e mozas galegos perderon 4 puntos de taxa de actividade, provocando un “forte efecto desánimo da mocidade galega por falla de oportunidades en Galicia”.
Advertiu ademais que a situación precaria dos mozos e mozas en Galicia “non está provocada só pola pandemia, xa que dende 2009 un total de 130.000 mozos e mozas abandonaron esta Comunidade Autónoma”.
Alertou así da situación crítica do emprego xuvenil, que é “precario, inestable e sen dereitos”, con “contratos de curta duración, alta temporalidade –un 52,7 por cento entre os mozos e mozas fronte ao 27,2 por cento do resto de idades-, excesivo índice de xornadas a tempo parcial –ata un 32 por cento nos menores de 25 anos-“.
Carmen Rodríguez subliñou ademais a sobrecarga de horas extra obrigadas -con ou sen remuneración- nun grupo de idade que ademais é vítima da fenda xeracional con salarios inferiores entre a poboación menor de 30 anos que outros tramos de idades”.
Proposta
Explicou que o Programa de Garantía Xuvenil anunciado polo goberno galego “non funciona”, por canto “as políticas de Feijóo só serviron para precarizar o mercado laboral”, cunha situación de “escaso dinamismo” que incide especialmente entre os que comezan a súa vida laboral. Reclamou así o redeseño do Programa e a posta en marcha de medidas de fomento do emprego e plans de emprego para este colectivo.
O Grupo Socialista reclamou así un plan de choque co punto de mira no emprego xuvenil, que “deseñe medidas que contribúan a establecer un marco laboral de calidade no emprego, combatendo o efecto desánimo dos mozos e mozas, incrementando a súa cualificación laboral e facilitando a súa inserción laboral”.